Nava Castro suspende o pleno "para non escoitar as queixas das traballadoras do SAF", denuncia PEC
A alcaldesa negou a palabra aos manifestantes, segundo o relato de PEC, que se manteñen en folga indefinida.
O salón de plenos do Concello de Ponteareas viviu o martes unha xornada pouco habitual ao acudir ao mesmo as traballadoras do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) do municipio, que iniciaron a súa folga indefinida o pasado 25 de setembro e que obrigaron á alcaldesa, Nava Castro, a suspender o pleno e negarlles a palabra, tal e como relata a formación Ponteareas en Común (PEC).
"MENTEN, MANIPULAN E CACIQUEAN"
A forza local censura a "actitude déspota" do Goberno de Ponteareas que suspendeu o pleno para "non escoitar as queixas das traballadoras do SAF". PEC, pola súa banda, traslada o seu apoio ao colectivo e demanda a municipalización dun servizo hoxe en mans da concesionaria Óbolo, á que as traballadoras piden medidas de protección axeitadas e pór fin aos incumprimentos laborais que, aseguran, están a cometerse. Tamén PSOE e BNG piden a municipalización do SAF.
"Por moito que queiran desviar o tema, o único importante é a mellora das condicións laborais das traballadoras", indican desde PEC sobre a "situación de explotación" que viven os afectados, "con condicións abusivas e salarios moi baixos, mentres o goberno tripartito presidido por Nava Castro insiste en que o servizo siga en mans privadas".
Nese sentido, Manoel Ucha critica a "actitude antidemocrática" de Nava Castro, que chega a "límtes perigosos": "Menten, manipulan información e caciquean cos recursos de todos e coa complicidade dos poderes económicos. A única opción para frear á dereita é a loita organizada desde os movementos sociais, as asociacións e os sindicatos, recuperar a rúa como espazo de participación democrática. As traballadoras do SAF son un exemplo claro de dignidade e imos estar sempre ao seu lado".
Escribe o teu comentario