Policía Nacional investiga ao monitor da piscina municipal de Marín por presunta agresión sexual a menores
O investigado, que empezou a traballar alí en abril, atópase detido nestes momentos. Hai máis afectadas ademais da denunciante.
A Policía Nacional investiga a un monitor da piscina do concello pontevedrés de Marín por unha suposta agresión sexual a unha menor.
Segundo relatan fontes próximas ao caso, o home permanece detido, á espera do seu paso a disposición xudicial.
A denuncia parte da familia dunha menor supostamente agredida, tal e como confirmou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. Con todo, a investigación apunta a que xa se pode confirmar que hai máis afectadas.
Os feitos ocorreron a partir do mes de abril, cando o presunto agresor comezou a traballar na piscina municipal.
O delegado expresou a súa solidariedade coas vítimas e coas familias, ademais de co pobo de Marín, "que vive este suceso con conmoción". Tamén pediu o "máximo respecto" para o círculo das agredidas e para os propios usuarios da piscina, "cuxa intimidade debe ser escrupulosamente respectada".
O Concello de Marín xa emitiu un comunicado no que expresan a súa "absoluta consternación" ante estes feitos, "tremendos e lamentables".
"Estaremos totalmente pendentes de todos os pasos que dean o Xulgado e a Policía Nacional sobre a investigación e pómonos a total disposición das familias, ás que lles mostramos toda a solidariedade e para as que pedimos o máis absoluto respecto e intimidade", remarcan.
Escribe o teu comentario