(Vídeo) Un galego axudou ao clan dos Balcáns no desembarco dunha tonelada de cocaína en Vilaxoán
As imaxes da Policía mostran como os narcotraficantes deixaron a lancha cos motores acesos ao chegar a terra. Alí esperáballes un todo terreo e unha furgoneta, relacionados cun veciño do Salnés con antecendentes na fariña. Tamén lles agardaba un gran dispositivo policial que hoxe culminou coa detención do galego.
Nun operativo que marca un antes e un despois na loita contra o narcotráfico en Galicia, axentes da Policía Nacional e a Garda Civil interceptaron o alixo de 1.100 quilos de cocaína nas costas de Vilanova de Arousa. Durante a acción, oito persoas foron detidas, incluíndo a sete cidadáns albaneses relacionados co perigoso clan dos Balcáns, coñecido pola súa brutalidade e sofisticados métodos.
O oitavo arrestado, un galego da comarca do Salnés, facilitaría apoio loxístico, como vehículos e comunicacións. No vídeo facilitado polas autoridades vese unha furgoneta branca e un todo terreo escuro, este último dentro da zona intermareal.
O operativo, denominado 'Operación Baroña', levou a cabo en múltiples frontes. Desde o aire, helicópteros vixiaban os movementos; por mar, unha patrulleira da Garda Civil interceptou a embarcación; e en terra, axentes arrestaron aos sospeitosos. Entre os detidos atópanse os catro tripulantes dunha lancha rápida de 12 metros de eslora e tres motores de alta potencia, así como tres persoas nas inmediacións da costa. Os tripulantes foron detidos a bordo, sen tempo de apagar os motores.
Un equipo do GEO da Policía Nacional levou a cabo a súa abordaxe no momento xusto no que se atopaba alijando en Rego do Alcalde en Vilanova de Arousa (Pontevedra).
A Policía indica que na Operación Baroña detivéronse incialmente sete persoas e incautouse máis dunha tonelada de cocaína, unha pistola do calibre 9 mm parabellum, dous vehículos, equipos de comunicación cos que se coordinaba o alijado e a embarcación de alta velocidade. O colega galego foi detido a posteriori.
Un clan perigoso e unha ameaza crecente
O clan dos Balcáns, orixinado en Albania e estendido por toda Europa, é unha das organizacións criminais máis temidas no continente. As súas operacións inclúen o tráfico de drogas, armas e persoas, e o seu modus operandi combina violencia extrema e estratexias loxísticas avanzadas. A entrada deste grupo en Galicia representa unha ameaza para un territorio que, historicamente, foi controlado por organizacións locais de narcotráfico.
Segundo expertos en seguridade, a presenza destas organizacións estranxeiras en Galicia podería alterar os equilibrios tradicionais do narcotráfico na comunidade. Con todo, a detención dun galego, confirma as sospeitas dos balcánicos colaboran con algún dos clans locais.
O detido, segundo Narcodiario, é B.M.P, un veciño do Salnés vello coñecido das forzas da orde. Del sería o todo terreo que os narcos meteron no fondo da Ría para sacar a tonelada de cocaína que desembarcaron da planadora.
Un operativo internacional de varios meses
O golpe foi resultado de meses de investigación iniciada en novembro de 2024, cando as autoridades detectaron movementos sospeitosos no Salnés. A operación contou co apoio de axencias internacionais como a DEA estadounidense, a Policía Judiciaria de Portugal e a Aduana de Francia, unindo esforzos para desarticular esta rede. Ademais da droga, incautáronse unha pistola, vehículos e equipos de comunicación que serían empregados para coordinar a operación.
O desembarco directo nas costas galegas por parte dun grupo estranxeiro, algo sen precedentes, subliña a crecente importancia de Galicia como punto crave nas rutas de tráfico internacional. En decembro, outra lancha rápida con características similares e un tractor apareceron na mesma zona, o que reforza a teoría de que este enclave está a ser utilizado estratexicamente por redes internacionais.
Esta operación non é un feito illado. Hai apenas unha semana, en Vigo, foron detidos tres cidadáns belgas e seis albaneses vinculados a unha partida de 1.100 quilos de cocaína nun colector no porto. Ese suceso tamén se relaciona co clan dos balcanes.
Escribe o teu comentario