Vídeo | Malos tratos e humillación de Israel aos 7 galegos da flotilla a Gaza
O Ministro do Interior publicou un vídeo dos detidos que mesmo suscitou a condena dos seus compañeiros de Gabinete. Varios países europeos están a chamar aos embaixadores de Israel a consultas. O incidente prodúcese nun clima pre-electoral en Israel.
O ministro de Seguridade Nacional de Israel, Itamar Ben-Gvir, difundiu imaxes nas que se mofa das persoas detidas da Flotilla Global Sumud mentres estas permanecen de xeonllos en filas, coas mans atada e os pés atadas. Nun momento do vídeo un axente golpea a unha activista que grita Palestina Libre. E
ntre as retidas hai sete galegas que levan días en paradoiro non confirmado polas autoridades israelís.
Polo menos 87 activistas da Flotilla Global Sumud que permanecen retidas ilegalmente por Israel iniciaron este martes unha folga de fame para protestar contra o que cualificaron publicamente de "secuestro" e para mostrar a súa solidariedade con máis de 9.500 presos e presas palestinas encarceradas en centros israelís. A medida de presión prodúcese nun clima de escalada diplomática internacional provocado, en boa medida, pola actitude provocadora do propio Goberno de Benjamín Netanyahu.
Entre as persoas retidas atópanse sete activistas procedentes de Galicia: Sandra Garrido, avogada e directora de Asuntos Internacionais da Fundación Terrum; Ana Fuentes, Alberte Pagán, Andrea Morales, Duarte Ferrín, Xurxo Porritt e Benito González, un xubilado de Cangas do Morrazo.
A última en ser apresada foi Garrido, detida tras a interceptación do buque Cabo Branco o martes pola tarde. Instantes antes, en conversación telefónica con medios galegos, declarara estar preparada para esa eventualidade: "Estou aquí porque hai que facer algo, hai que frear o xenocidio, hai que actuar porque quen debería facelo non o está facendo".
A delegación galega da Flotilla Global Sumud denunciou que as persoas retidas serían trasladadas a un porto israelí, concretamente ao de Asdod, onde quedaron confinadas xunto a máis de 400 activistas procedentes duns corenta países. A organización cualificou a abordaxe dos buques de "acto de pirataría" e esixiu a liberación inmediata de todos os detidos.
O vídeo de Ben-Gvir que indigna a medio mundo
A crise diplomática adquiriu unha nova dimensión este mércores cando o ministro de Seguridade Nacional israelí, Itamar Ben-Gvir, integrante da facción máis ultradereitista do gabinete Netanyahu, publicou nas súas redes sociais unha serie de vídeos gravados no porto de Asdod. Nas imaxes véselle camiñar entre os detidos, que permanecen arrodillados no solo coas mans atadas con bridas, mentres soa o himno nacional israelí. Nun dos momentos máis reveladores, Ben-Gvir empuxa cara abaixo a cabeza dunha activista que gritaba "Palestina libre" e ordénalle que cale.
"Benvidos a Israel, aquí nós somos os donos da casa", proclamou o ministro ante a cámara, riseira. Noutro fragmento do vídeo engadiu: "Viñeron aquí con moita arrogancia, como grandes heroes. E mira o aspecto que teñen agora. Non son heroes, son simplemente simpatizantes do terrorismo". Ben-Gvir tamén anunciou que presionaría a Netanyahu para que mantivese aos detidos retidos durante un período de tempo máis prolongado.
As imaxes xeraron un rexeitamento inmediato tanto dentro como fóra de Israel. O propio primeiro ministro Benjamín Netanyahu tivo que saír a desmarcase publicamente do seu ministro, aínda que sen renunciar á narrativa de fondo: "Israel ten todo o dereito a impedir que flotillas provocadoras de simpatizantes terroristas de Hamás entren nas nosas augas territoriais. Con todo, a maneira en que o ministro Ben-Gvir tratou aos activistas non se axusta aos valores e normas de Israel".
Netanyahu ordenou ademais que os detidos fosen deportados canto antes.
Tormenta diplomática
O ministro de Exteriores israelí, Gideon Sa'ar, tamén cargou contra Ben-Gvir en termos contundentes: "Causaches deliberadamente un dano ao noso Estado con esta actuación vergoñosa, e non é a primeira vez. Desfixeches esforzos tremendos, profesionais e exitosos de moitísimas persoas, desde soldados do Exército até persoal do Ministerio de Exteriores. Non, ti non es a cara de Israel", escribiu en X. Desde a oposición, o líder do partido Yashar, Gadi Eisenkot, acusou a Ben-Gvir de danar deliberadamente a imaxe do país para conseguir repercusión en redes sociais, e sinalou directamente a Netanyahu como responsable por non haberlle cesado hai tempo.
A tormenta diplomática traspasou fronteiras de inmediato. Italia, cuxa premier Giorgia Meloni cualificou as imaxes de inadmisibles, convocou ao embaixador israelí e esixiu unha desculpa formal polo trato recibido polos activistas, moitos deles cidadáns italianos. Francia seguiu o mesmo camiño: o ministro de Exteriores, Jean-Noël Barrot, tamén convocou ao embaixador israelí e cualificou de "inaceptable" a conduta de Ben-Gvir, aínda que lembrou a oposición de París á iniciativa da flotilla.
En Galicia, a resposta política non tardou en chegar desde o Bloque Nacionalista Galego, cuxo grupo parlamentario propuxo ao resto de forzas da Cámara galega unha declaración institucional para condenar o ataque de Israel contra a flotilla humanitaria.
A Xunta de Galicia, con todo, gardou silencio ante a situación do sete cidadáns galegos retidos en territorio israelí, sen que a institución autonómica haxa emitido pronunciamiento algún até o momento de publicar esta información.
Sen resposta da Xunta
A ausencia de reacción oficial por parte do goberno autonómico galego contrasta coa mobilización social que se produciu en Galicia desde que transcendeu a detención do sete activistas. Concentracións en varias cidades galegas expresaron o apoio aos retidos e esixiron a súa liberación inmediata, mentres organizacións de dereitos humanos e colectivos prol-palestinos pedían ao executivo de Alfonso Rueda que tomase partido e intercediese ante as autoridades españolas e europeas.
Escribe o teu comentario