O PP vincula a Galiza Nova coa vandalización das súas sedes; as mocidades do BNG négano
Polo menos cinco locais dos conservadores amenceron cubertos de carteis contra o "partido pirómano". O número 2 do PPdeG vinculou o vandalismo coa organización xuvenil do Bloque, algo que desmenten fontes de Galiza Nova en declaracións a Galiciapress.
O Partido Popular de Galicia denunciou unha onda de ataques nocturnos contra varias das súas sedes, que amenceron empapeladas con carteis nos que se le “#PP Partido Pirómano, 17 anos queimando Galiza”, e nos que aparecen os rostros de Alfonso Rueda, líder do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, líder do PP de España, Paula Prado, número 2 en Galicia e Nicole Grueira, líder das mocidades conservadoras galegas, envolvidos en chamas.
A dirección do PPdeG alerta do “cruzamento de liñas vermellas” e vincula estes feitos á estratexia do independentismo galego e á contorna xuvenil do BNG, mentres que Galiza Nova desmárcase.
En concreto, fontes de Galiza Nova consultadas por Galiciapress esta tarde sinalan Galiza Nova sempre firma os seus carteis e apuntan que non van alimentar a polémica.
Polo menos as sedes de Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Gondomar e Sada víronse afectadas por esta pegada masiva de carteis en fachadas e accesos. Nalgúns destes puntos, os populares xa puxeron os feitos en coñecemento da Policía, á que reclaman actuar fronte ao que cualifican de “actos vandálicos” e non de simple protesta política. Nas imaxes, distribuídas polo PPdeG pero tamén remitidas nun correo electrónico anónimo aos medios de comunicación, aprécianse as lemas contra a política forestal da formación e as fotografías dos principais referentes do partido en Galicia. Ese correo anónimo xustifica a vandalización das sedes políticas como un acto de protesta contra as políticas medioambientais do PPdeG na Xunta.
Nun comunicado, a dirección do PPdeG subliña que “esta forma de actuar non representa a Galicia” e que supón “romper co respecto, a dignidade e a educación”. Os populares insisten en que “o vandalismo non pode disfrazar de activismo” e acusan á oposición galega en bloque de alimentar un clima de confrontación que, ao seu xuízo, está a derivar en ataques directos ás súas sedes. Nesa liña, sosteñen que o independentismo está a apostar por unha “estratexia baseada na conflitividade social” para desgastar ao Goberno de Alfonso Rueda e ao PPdeG no mapa municipal e provincial.
En declaracións remitidas aos medios, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, vai un paso máis aló e apunta directamente a Galiza Nova, organización xuvenil vinculada ao BNG. Prado afirma que “non é a forma de facer política en democracia” e que se trata de “unha mal mensaxe para a mocidade que quere dedicar á política”, á vez que reprocha ao BNG que “utilice” aos seus mozos, a través de Galiza Nova, para este tipo de accións.
O PPdeG insiste en que Galicia é “unha terra tranquila, de sentidiño”, e que a súa fortaleza radica na estabilidade institucional e a responsabilidade política. Por iso, remarcan que accións como a pegada masiva de carteis en fachadas alleas “non forman parte” desa cultura política, e chaman aos autores a expresar as súas mensaxes en espazos propios “e non en sedes doutros partidos nin no espazo público”. A formación lembra ademais que nos últimos meses xa denunciara un aumento de pintadas e carteis de carácter ideolóxico en rúas, prazas e edificios. Carteis como os usados nos actos vandálicos levan semanas pegados, por exemplo, na zona vella de Santiago.
En setembro, os populares levaron ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para reprobar as prácticas que “buscan apropiar dos espazos públicos” mediante pintadas ou empapelados con consignas de partidos ou organización.
Unha práctica que non só sufriron os conservadores. Tamén as sufriu recentemente, por exemplo, a sede do PSOE de Lugo. Sedes do BNG tamén foron obxecto de pintadas en anos anteriores.
O #PP de Santiago, pola súa banda, incide en que o ocorrido na capital galega “non é un feito illado”. A dirección local lembra que o pasado 25 de novembro a súa sede xa foi obxecto dunha acción similar, con pintadas, un escrache e o que describen como agresións verbais a varios militantes, nun contexto de mobilizacións sociais feministas.
Escribe o teu comentario