José Tomé, alcalde de Monforte: “Os menores non acompañados lémbranme os emigrantes galegos”
De súpeto, Monforte converteuse no centro da actualidade de España. Primeiro, a Xunta escolleu a vila para aloxar ducias de menores emigrantes non acompañados que, a pesar de non querelos, debe acoller por mandato legal. Despois, un atentado queimou parte do centro da ONG onde vivirán. Falamos co alcalde e presidente da Deputación Provincial, que acusa a Xunta de usar os migrantes para desgastar o seu goberno e ao PP e a Vox de crear o caldo de cultivo do que agromou o ataque. O incendio da Ribeira Sacra e un posible adianto electoral son outros dos temas desta entrevista.
A primeira pregunta é obrigada: tres días despois do ataque con cócteles molotov ao futuro centro de acollida, cal é a situación en Monforte? Existe preocupación na cidadanía pola seguridade?
Ben, a situación en Monforte é de tranquilidade, pero tamén de preocupación, loxicamente. Feitos deste tipo non ocorrera para nada en Monforte ata agora. Isto xa pasa de vandalismo, non é unha parvada duns rapaces, senón que isto semella máis que calquera outra cousa un atentado. Por tanto, hai que ter moito coidado, estas cousas empezan así deste xeito, que parece que non pasa nada, pero si que pasa. Polo tanto, en fin, eu o único que pido é tranquilidade aos cidadáns e, desde logo, deixar traballar as forzas de seguridade do Estado, que aclaren quen foi o autor ou autores deste atentado, deste lanzamento de cócteles molotov, para que respondan diante da xustiza e que caia sobre eles o peso da lei.
Na Xunta decidiron que viñesen para Monforte sen previo aviso, sen avisar o Concello, pois parece que para facer favores non é, precisamente.
Vostede criticou duramente a Xunta por falta de modais e non informar o Concello, cando se anunciou a decisión. A conselleira respondeulle que debería dar as grazas. Máis alá do problema de formas, cre que a Xunta escolleu Monforte, un concello gobernado polo PSOE, como unha decisión política para trasladar un problema a un concello gobernado polos socialistas?
Sen dúbida ningunha. Creo que a conselleira non o puido facer de peor maneira. Preséntase a conselleira en Monforte un domingo sen avisar o concello, con nocturnidade e aleivosía. O que non pode ser é que a conselleira lle bote a culpa a Pedro Sánchez, porque a culpa é dela. O Goberno do Estado o que fai é repartir uns menores non acompañados en todo o territorio do Estado. Eu non vou entrar se lle tiñan que tocar máis ou menos a Galicia, ou a outra comunidade autónoma, pero o certo é que quen decide onde se sitúan dentro da comunidade autónoma é o goberno autonómico. É a Xunta de Galicia a que decidiu que o primeiro centro dese tipo vai ser en Monforte. E non un puñado deles, son 80, que é un número importante. Decidiron que viñesen para Monforte sen previo aviso, sen avisar o Concello, sen nada de nada, pois parece que para facer favores non é, precisamente.
A Xunta argumenta que se ve obrigada a crear este centro pola imposición do Goberno central, como vostede dixo. Considera vostede que este tipo de mensaxes que falan dunha imposición e dunha ruptura do modelo contribúen a xerar un clima social negativo, que pode ser aproveitado por parte de elementos radicais para atacar o centro?
Sen dúbida, sen dúbida. É que iso xustamente é o caldo de cultivo. Cando gobernou Rajoy tamén houbo repartición, eh? Daquela houbo unha crise migratoria moi grande. Bueno, a min gustaríame saber se esa repartición fose cun presidente do PP, que diría esa conselleira, se diría o mesmo. Por tanto, eu creo que as desculpas absurdas non valen para nada. Eu creo que non hai que darlle argumentos, nin pólvora en sentido figurado, a esta xente que entende mal as mensaxes, que é xenófoba, cuxa acción política está baseada no odio. Polo tanto non lle podemos dar ferramentas de ningún tipo a este tipo de persoas, porque ao final confunden as cousas e cometen tropelías deste tipo.
Os menores inmigrantes recórdanme os emigrantes galegos que ían como ían; a esta xente hai que darlle unha oportunidade, tratala con dignidade e integrala.
Tras o ataque, houbo condena practicamente unánime de todas as forzas políticas. Sen embargo, chama a atención a ausencia dunha condena explícita por parte de VOX. De feito, manteñen o martes aí un acto, suponse que de crítica ao centro. En Galiciapress pedímoslle opinión e dixéronnos que non ían falar ata este martes pero, en definitiva, que lectura fai deste silencio por parte de Vox?
A extrema dereita funciona así e isto, que parece inocente, non o é para nada. Sen dúbida, a xente que fixo isto é porque está a comprar a mensaxe de Vox e, en vez de expresarse pacificamente, porque a min paréceme moi ben que calquera partido político pois se exprese como considere, pero de aí a pasar a actuacións maiores eu creo que hai un gran treito, non?
Vox está a lanzar unha mensaxe de odio en todo o territorio. Agora ben, Galicia está moi lonxe desas políticas, por iso Vox en Galicia non ten representación practicamente e esperemos que siga así. Esperemos que siga así, porque do contrario estas cousas sabemos como empezan pero non sabemos como acaban. Así que espero que se veñen a Monforte finalmente, pois que teñan sentido común e sobre todo que defendan as persoas.
Son persoas non acompañadas, a min parécenseme moito aos nosos migrantes que ían, e como ían, por Europa adiante, por América, pois a gañar a vida como podían e, polo tanto, pois a esta xente hai que darlle unha oportunidade, hai que tratala con dignidade, hai que tratala ben, hai que integrala. Así que, en fin, eu non quero ir máis alá do que debo, pero pediríalles respecto, sentido común e sobre todo pediríalles condenar calquera tipo de violencia.
O incendio de Pantón non afecta directamente a Monforte pero, como presidente da Deputación, como ve as consecuencias? Está a afectar unha zona paisaxística moi importante que é un reclamo turístico de primeira orde na comarca…
O luns tivemos unha xuntanza de voceiros da corporación e por unanimidade aprobamos unha declaración institucional. É de agradecer que todos os partidos da corporación asinen esta declaración. En relación co incendio da Ribeira Sacra evidentemente pois é unha pena. Destruíu moita riqueza nas parroquias, nas aldeas, neste caso do concello de Pantón e tamén no de Sober. Chegou a destruír casas, por tanto iso é un problema gordo, pero o peor é o impacto que ten medioambientalmente, impacto que tardará moito tempo en recuperarse. Claro que afecta a imaxe da Ribeira Sacra e iso prexudícanos a todos. Nós na Deputación, a través do centro de mando avanzado, estivemos aí colaborando con todo aquilo que puidemos facer.
Deben facerse por separado as eleccións locais e as xerais e ademais eu creo que o compromiso do presidente do Goberno é que será así.
Por último, unha cuestión política. Como vería vostede a posibilidade dun adianto electoral en España que fixese coincidir as eleccións estatais coas eleccións locais?
Eu creo que máis alá do desexo que ten Feijóo, que desde o día seguinte ás eleccións xa quería convocar outras, máis alá dese desexo, pois eu creo que ata o 2027, ao mellor ao final de agosto ou a principios de setembro, pois ten pinta de que non as vai haber. Eu creo que son eleccións diferentes. Unha cousa son as eleccións municipais —que levan consigo as provinciais, porque as deputacións van en función dos resultados das municipais e tamén hai comunidades autónomas que celebran ese mesmo día, coincidindo coas municipais— e outra cousa moi distinta unha elección xeral, non?
Non podemos comparar cousas de barrio, de cidades, de pobos… cousas que afectan moi a pé de cada un con cuestións de Estado. Así que eu creo que deben facerse por separado estas eleccións e ademais eu creo que o compromiso do presidente do Goberno é de que será así. Ata o 2027 non vai haber eleccións xerais, eu creo que despois do verán, e as municipais serán o 23 de maio de 2027. En definitiva, unha cousa son as municipais e outra cousa son as xerais.
Escribe o teu comentario