O PSdeG denuncia a política "de caos e parcheo" da Xunta en materia sanitaria

"Os profesionais levan meses denunciando as deficiencias nas instalacións e a falta de condicións mínimas para unha atención segura e digna", reivindicaron os socialistas galegos


|

La viceportavoz socialista, Elena Espinosa, y la diputada Carmen Rodríguez Dacosta.
 

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia acusou á Xunta de "mirar para outro lado" e de aplicar unha política "de caos e de parcheo" para xestionar a sanidade galega. Neste sentido, a deputada Carmen Rodríguez Dacosta, advertiu de que o Goberno galego "segue improvisando e pondo en risco a saúde das mulleres, os nenos e os profesionais".

Pola súa banda, a viceportavoz socialista, Elena Espinosa, afeou ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que mentres el "negaba o colapso dos centros de saúde", os veciños de concellos como Vilalba e A Pontenova "saían á rúa para reclamar unha atención decente".

Tamén se referiu á "grave situación" noutros puntos de Galicia como Fornelos de Montes e Pazos de Borbé, onde as instalacións sanitarias "permanecen sen médicos de familia". Así mesmo, lamentou que a apertura dun novo centro de saúde en Vigo "non servirá para contratar máis persoal, senón para movelo doutros ambulatorios e pechalos".

"Cal é a solución do Goberno de Rueda aos problemas? Tratar de ocultalos, prohibir que o persoal sanitario denuncie a súa situación, impedindo que coloque calquera cartel reivindicativo nas instalacións sanitarias... A censura!", esgrimiu.

Neste contexto, cuestionou o plan de verán do que fala o responsable de Sanidade, "que non se sabe moi ben se consiste en desmantelar o que xa non funcionaba ben ou cruzar os dedos para que o outono chegue rápido".

Con todo, Espinosa aproveitou para denunciar un novo desprendemento no teito do Hospital Materno Infantil de Ourense, ao que a súa compañeira de partido, Rodríguez Dacosta, referiuse como "o resultado de anos de abandono, de promesas incumpridas e dunha falta absoluta de planificación".

"Os profesionais levan meses denunciando as deficiencias nas instalacións e a falta de condicións mínimas para unha atención segura e digna", reivindicou. Por iso, reclamou "responsabilidades políticas" e que a Xunta "asuma por unha vez o que está a facer coa sanidade".

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE