STEG encabeza a loita dos profes por recuperar a carga docente: ou a Xunta cede ou haberá mobilizacións
O sindicato entrega un escrito ao conselleiro Román Rodríguez reclamando a recuperación das condicións laborais do profesorado previas á crise e denuncia a precariedade de interinos, a falta de inclusión e erros na xestión educativa.
O Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG) protagonizou esta mañá unha acción directa ao presentar na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para esixir unha reunión co conselleiro Román Rodríguez. As representantes sindicais entregaron un documento que recolle as demandas do profesorado galego, centradas na recuperación das condicións laborais previas á crise económica e na mellora da xestión educativa na comunidade.
RECLAMOS URXENTES DO PROFESORADO
STEG denunciou a falta de resposta da Consellería ás múltiples solicitudes de diálogo enviadas durante o curso escolar. Entre as principais reivindicacións destaca a redución da carga lectiva a 18 horas para o profesorado de secundaria e 21 horas para o de primaria, unha medida xa implantada noutras comunidades autónomas, onde a mobilización sindical, aseguran, logrou reducir mesmo até as 17 horas. Galicia, con todo, mantén as 20 horas lectivas, sendo a única rexión do Estado en non avanzar nesta materia.
Ademais, o sindicato sinalou a precariedade laboral que afecta o persoal interino e substituto. Os orzamentos autonómicos aprobados en febreiro perpetúan a adenda que implica o despedimento deste colectivo o 30 de xuño, deixándoos sen salario nin cotización durante os meses de verán, a pesar de traballar todo o curso. O sindicato levou esta medida ao Tribunal Constitucional, cualificándoa de “inxusta” e esixindo a súa revisión.
XESTIÓN CUESTIONADA
A Consellería tamén foi criticada pola súa xestión durante o curso que agora finaliza. Desde STEG denunciaron erros graves, como o recente fallo na adxudicación do Concurso Xeral de Traslados (#CXT) de Primaria e Orientación, que xerou incerteza e prexuízos para as traballadoras. Así mesmo, sinalouse a falta de cumprimento dun acordo sindical publicado no Diario Oficial de Galicia (#DOG), que o STEG non asinou por consideralo insuficiente. Este acordo mantén os cocientes de alumnos en primaria en niveis máximos, sen incorporar profesorado de apoio en numerosos centros.
Outro punto crítico é a atención á diversidade e a inclusión educativa, que, segundo o sindicato, “deixan moito que desexar”. As aulas hospitalarias de saúde mental infantojuvenil en Vigo e A Coruña careceron de profesorado durante este curso, e o anuncio de que non se convocarán prazas de atención preferente para o curso 2025/2026 agrava aínda máis esta situación.
UNHA NOVA FOLGA?
Inspirados polos avances logrados polos sindicatos en comunidades como Euskadi, Madrid, Cantabria e a folga activa en Asturias, o STEG iniciou unha rolda de contactos con outros sindicatos galegos para restablecer a unidade sindical e preparar posibles mobilizacións, abrindo a porta así a xornadas de folga como as vividas durante o curso 23/24.
STEG espera que esta acción directa en San Caetano marque o inicio dun diálogo efectivo coa Consellería para abordar as demandas do profesorado e garantir unha educación pública de calidade en Galicia.
Escribe o teu comentario