O PP pide 400.000 euros máis para as axudas aos partidos políticos e axustalas ao IPC
Os populares engaden que se financia coa diminución da mesma contía do programa de transporte escolar "como consecuencia das recentes consultas vinculantes da Dirección Xeral de Tributos que fixan a non sujección ao IVE" desta actividade
O Grupo Parlamentario Popular presentou sete emendas ao estado de gastos do proxecto de lei de Orzamentos de 2025, entre as que se atopa a proposta de ampliar a dotación do programa de axudas aos partidos políticos nun importe de 400.000 euros.
Segundo recolle o apartado da xustificación da emenda, increméntase esta dotación para "axustala á evolución do IPC desde o ano 2017 até a actualidade".
En concreto, os populares engaden que se financia coa diminución da mesma contía do programa de transporte escolar "como consecuencia das recentes consultas vinculantes da Dirección Xeral de Tributos que fixan a non sujección ao IVE" desta actividade.
Pero nunha rolda de prensa na que estivo acompañado dos conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e Vivenda, María Martínez Allegue, o portavoz parlamentario do PP galego, Alberto Pazos, avanzou que tamén se ampliará no medio millón de euros o programade tranferencias correntes a entidades e federacións deportivas.
O obxectivo, segundo recolle a emenda, é garantir "o correcto exercicio das funcións públicas que teñen delegadas" e tamén neste caso finánciase coa baixada da dotación do apartado do transporte escolar, con idéntica xustificación á da alza da contía de axudas para partidos.
OUTRAS EMENDAS
Pazos tamén aludiu á apertura da posibilidade para que as asociacións sectoriais sen ánimo de lucro poidan beneficiar tamén das subvencións para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación de desempregados.
Ademais, incorpóranse algunhas correccións de carácter fundamentalmente técnico.
Escribe o teu comentario