A Xunta reconta medios para enviar a Valencia entre o domingo e luns
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou que Galicia enviou o pasado mércores a Valencia o helicóptero Pesca 1 porque "naquel momento o primeiro que necesitaban era asegurar de que non quedaban persoas sen rescatar"
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, afirmou que o Goberno autonómico fai reconto dos medios dispoñibles de todas as administracións en Galicia para coordinar e enviar medios a Valencia que axuden a "desatascar" e "restablecer a normalidade" tras o paso da DANA.
Tras reunir por videoconferencia cos responsables e servizos operativos da Delegación do Goberno en Galicia, a Fegamp, de Protección Civil e Emerxencias de Galicia, para coordinar o envío de novos medios de apoio e axuda, Diego Calvo sinalou que Medio Rural ten un dispositivo aproximado de entre 70 e 80 persoas en disposición de ir, mentres que a Axega tamén conta con varios grupos de persoas e unha unidade de Policía Autonómica que se podería desprazar nas próximas horas á comunidade valenciana, así como efectivos dos consorcios provinciais de bombeiros e dos parques das cidades.
"Esta reunión era para ver cantos estaban dispoñibles e nas seguintes horas seguramente poidamos avanzar un pouco as características do envío que faremos desde Galicia", manifestou.
En declaracións aos medios, o conselleiro de Presidencia asegurou que desde o primeiro día o 112 está "en contacto permanente" co 112 Valencia. "Estamos a disposición do Goberno e de Emerxencias de Valencia", insistiu antes de subliñar que "a coordinación é fundamental".
Por iso, lembrou que Galicia enviou o pasado mércores a Valencia o helicóptero Pesca 1 porque "naquel momento o primeiro que necesitaban era asegurar de que non quedaban persoas sen rescatar".
Agora, a administración autonómica fai "un reconto" de todos os medios para poder enviar "no caso de que sexan necesarios e demándenos por parte de Valencia".
Neste sentido, Diego Calvo explicou que esta madrugada o 112 pedía "máis medios para desatascar e restablecer a normalidade". Por iso, convocouse "inmediatamente" esta videoconferencia "con todas as administracións que teñen medios de emerxencias á súa disposición" para, entre todos, "ver cales son os medios que require agora mesma Valencia, cales podemos dispor e cando podemos organizarnos para enviar".
MEDIOS AUTÓNOMOS
Así mesmo, o conselleiro detallou que Valencia demanda que sexan "medios autónomos", é dicir, "non enviar maquinaria, senón xente que poida estar organizada cos seus mandos e que poidan utilizar eses medios". "Iso é o que estamos a tratar de organizar nun primeiro envío e seguramente haxa máis", avanzou.
En canto a datas concretas, Calvo augurou que "no prazo de mañá ou luns sairá o primeiro envío". "Veremos si hai que facer outros envíos, se piden eses mesmos recursos ou utilizamos outro tipo de recursos. En calquera emerxencia é fundamental a coordinación e temos que confiar na coordinación dos mandos que están á fronte e o que nos reclamen enviámolo, pero non se trata de enviar recursos, nin cousas que non sexan pedidas por Valencia", reiterou.
Preguntado pola colaboración por parte da sociedade civil, Calvo apuntou que "hai que estar organizados" e, nestes momentos, o que se demanda é "desatascar as rúas e acabar de restablecer a normalidade".
"Despois virá o resto de axudas", dixo, lembrando que nalgún momento houbo "problemas nas vías de comunicación porque había xente que quería botar unha man". "Haberá momentos para participar e colaborar", aseverou.
"Creo que o que hai que esperar sempre é a que sexamos demandados. Cando hai unha emerxencia todo o mundo quere botar unha man e ás veces salgue un a botar unha man sen saber o que se necesita e o que se provoca é unha maior descoordinación no sitio. Desde o primeiro momento estivemos a disposición de emerxencias de Valencia, enviamos helicóptero cando nolo pediron e agora, esta noite, cando nos pediron outro tipo de recursos, enviamos outro tipo de recursos", resolveu.
Nesta liña, cuestionado sobre si hai algún efectivo de Galicia xa no terreo, asegurou que "de maneira coordinado co 112 Galicia e o 112 Valencia", así como coa Cecopi en Madrid, "non está coordinado".
Escribe o teu comentario