Javier Domínguez, presidente de Sogama: "Se mañá o Goberno elimina o imposto eu non subo o canon"

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) ten por diante un inicio de outono no que acaparará moitos titulares. A subida do canon da recollida de residuos suporá elevar a taxa até os 108 euros por tonelada, un prezo que, a pesar de ser o máis baixo da comunidade, está a ser moi discutido polos concellos afectados. Javier Domínguez, presidente de Sogama, atende a Galiciapress para explicar as causas desta subida, defender o modelo de Sogama e a alternativa para evitar que se repitan os números vermellos do exercicio de 2023. 


|

Javier Domu00edngez
O presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez

 

O curso parlamentario arrinca o próximo 10 de setembro en Galicia e o primeiro tema que sairá á palestra é a subida do canon de Sogama, que trae de cabeza a moitos concellos. Como explicaría esta controversia a todos aqueles que volven de vacacións e descoñecen esta polémica? 

Isto prodúcese por unhas decisións que tomou o Goberno central coa nova lei 7/2022, de Lei de Residuos e Solos Contaminados, na cal había a implantación de novos impostos. Estamos a falar do novo imposto estatal ao verter incineración e a recuperación do imposto estatal de produción eléctrica. E, a maiores, isto complicouse por unha orde de xuño do 2023 onde nos eliminaron a retribución que recibiamos na planta termoeléctrica de Sogama, sobra a que tiñamos dereito até o fin da vida útil, que é para 2026 e que supuña uns ingresos de 18 millóns de euros. Por tanto, con estas decisións nós sufrimos un sobrecusto de 39 euros, ou o que é o mesmo, un desfasamento económico de 30 millóns de euros. 


Isto puidémolo soportar no ano 2023 e este sobrecusto produciunos unhas perdas de 18 millóns de euros. No 2024 unicamente actualizamos eliminando a bonificación que se lle estaba dando a 118 concellos, os 177 restantes a día de hoxe seguen pagando os 66 euros que pagaban no 2023, grazas á achega da Xunta do Fondo de Cooperación Local, e o resto de 56 pagan a 66 euros. Isto vainos a seguir producindo perdas e, por tanto, nestes momentos, nun exercicio de responsabilidade e de viabilidade e sustentabilidade da propia sociedade, temos que facer esta actualización. 

 

E, se non se desen cambios, cando comezaría a aplicar esta subida? 

En 2025. Pero o que quero dicirlles é que o cambio que poida haber é que o Goberno Central dea marcha atrás a estas medidas que lesionaron e prexudicado economicamente á sociedade. Eu dígolle aos alcaldes que están a protestar do PSOE e do BNG que, ademais, foron eles os que quen aprobaron cos seus votos a lei 7/2022, que, por certo, a Xunta de Galicia no seu momento presentou as alegacións e chamou á porta da FEGAMP e da FEMP, ambas as presididas polo Partido Socialista e miraron para outro lado, non quixeron facer as alegacións. Foi a propia Xunta a que presentou esas alegacións. Creo que estes alcaldes se equivocan buscando o culpable. Aquí o único culpable é o Goberno Central e tanto os alcaldes, como Sogama, como os cidadáns, somos as vítimas.

 

 

Entón, se mañá o Goberno retirase ese imposto, non habería subida de ningunha clase?

Se mañá o Goberno de España elimina estes impostos á vertedura e incineración e devólvenos a retribución á planta termoeléctrica até o 2026, eu, ao día seguinte, non teño que subir o canon. Volvería ao canon de 66 euros. 

 

Nun exercicio de responsabilidade e avisando con tempo suficiente aos concellos para que poidan ter os orzamentos do 2025, tomamos esta decisión de anunciala co tempo suficiente. Pero esta medida é a partir do 2025. Repito, se o Goberno elimina estas medidas Sogama non incrementa o canon do 2025.

 

“QUEREN QUE VOLVAMOS A FINAIS DOS 90”

A efectos prácticos, do día a día nas plantas, que efectos ten este imposto sobre o funcionamento da planta que fai que se encareza tanto o servizo?

O imposto grava a vertedura e a incineración. Grazas a deus, Sogama unicamente manda ao vertedoiro un 21%. E por tanto, que é o imposto? Son 30 euros por tonelada. Nós que só enviamos o 21% podémolo soportar máis ou menos. O caso é que os outros dous sistemas que hai en Galicia, como son o de Barbanza ou Nostián, eses están a mandar un 65% ao vertedoiro no caso de Barbanza, multiplícao por 30, e en Nostián un 50%, e multiplícao por 30. Aínda así, con esta actualización Sogama vai seguir sendo o canon máis barato de Galicia.
 

Desde o PSdeG e o BNG consideran que o de Sogama é un modelo “obsoleto” e que vai contra as directrices europeas. Que responde?

Obsoleto? Home, si obsoleto é mandar un 21% ao vertedoiro fronte ao 65% que manda o modelo ideal do Bloque, que é Barbanza, ou o 50% que manda ao vertedoiro, que é o modelo ideal de Nostián… 
 

 

Aquí temos un problema na orixe, nos concellos. Hai grandes cidades que reciclan entre o 15% e o 20% nada máis. E están a mandar un 80% a Sogama. Eu dígolle a eses concellos que se poñan as pilas e que si incrementan esa reciclaxe, que é competencia municipal, porque dentro do elo da xerarquía de residuos a redución, reutilización e reciclaxe é competencia municipal, e logo o sistema finalista de valorización material, enerxética ou eliminación do vertedoiro é competencia autonómica. Si na orixe os concellos, no canto de reciclar un 15% e un 20%, reciclan, por exemplo, un 50%, primeiro incrementarán os ingresos que lle vai a dar ECOEMBES, porque ECOEMBES dálle por maior reciclaxe, e segundo aforrarán custos, porque mandarán menos a Sogama. Ou sexa, se eu subo dun 20% a un 50%, é un 30%. Primeiro, incremento os meus ingresos, e, segundo, baixo o 80% que estou a mandar a Sogama, mando só o 50%. E aí está o aforro de custos.
 

Menciona ás grandes cidades e, como exemplo, desde o goberno da capital galega cifran en máis de 1,2 millóns de euros o incremento deste canon. Entende o malestar dos municipios? Algún goberno municipal trasladoulle que non poden asumir ese gasto e que estudarán outras alternativas?

Hai algúns gobernos que levan 25 anos gobernando. A competencia dos residuos é municipal. Cando falan de obsoletos o noso sistema é de valorización enerxética despois de reducir, reutilizar, reciclar e valorizar. É o modelo de Europa. En Europa hai 505 plantas como a de Sogama. Non tan grandes, pero máis pequenas, pero 505 plantas. Que queren con estes sistemas? Que vaiamos, no canto de valorizar energéticamente, enviemos ao vertedoiro, como fai Barbanza, un 65% ou un 50%? Igual estes partidos políticos queren que volvamos a finais dos anos 90 aos máis de 300 vertedoiros municipais, que grazas a Sogama e a colaboración dos concellos desapareceron, e eses vertedoiros municipais que queimaban ao descuberto e non había un tratamento nin de lixiviados nin nada. 

 

O sistema obsoleto creo que é o ideal do Bloque, que é Barbanza, e o ideal de Nostián, que é o Partido Socialista. Nós seguimos o que fixeron os países máis avanzados do norte de Europa, que son plantas de valorización enerxética despois de reducir, reutilizar, reciclar, e valorizar materialmente todo o que se poida. E no canto de envialo ao vertedoiro, que lle digo que o vertedoiro emite 175% máis de gases de efecto invernadoiro que unha valorización enerxética, o vertedoiro emite metano e é moito máis contaminante que o carbono que pode emitir a planta de valorización, eu creo que a obsolescencia téñena noutro lado.

 

E, no peor dos supostos, se un municipio se vise afogado e non puidese facer fronte a este gasto, que ocorrerá entón?

É unha cuestión de cada concello. O que ten que facer é incrementar a taxa de lixo. Eu pódolle dicir que a día de hoxe hai en Galicia cinco concellos que aínda non teñen instalada unha taxa de lixo. E é máis, dígolle que a maioría dos consellos a día de hoxe a taxa de lixo non lles cobre o 60% do custo que teñen. E, aparte, a maiores, a Lei 7/2022 onde se creou este novo imposto tamén establece unha obrigación aos concellos onde lle dan tres anos, que vence en maio do 2025, sobre a cal os concellos teñen a obrigación de crear unha taxa independente de tratamento de residuos e que non sexa deficitaria, e que computen aí os gastos de recollida, de tratamento e mesmo de sensibilización e de concienciación. Iso é unha obrigación que van ter os consellos a partir de maio do 2025. Déronlle tres ano para facelo; a día de hoxe non hai ningún concello que faga. 

 

FUTURO DE SOGAMA

O ano pasado Sogama afectou uns números vermellos de 18 millóns de euros. Que balance fai do último exercicio?

Que nós, se non tivésemos estas medidas extraordinarias do Goberno central, seguiriamos prestando un servizo público sen perdas. Nós nos últimos anos permitiunos ter un servizo público e permitiunos durante os últimos cinco anos, porque a nosa intención non é ter beneficios. Nós somos unha empresa pública, non queremos ter beneficios. Se algún ano temos algún tipo de beneficio investímolo. E si temos moitos beneficios, o que facemos é bonificar o canon, como fixemos nestes últimos cinco anos. 

 

Lémbrolle que levamos cinco anos con bonificacións o último ano un 15% e os catro anos anteriores un 10%. Isto aos concellos supúxolle un aforro de 20 millóns de euros. E isto permitiulle a Sogama ter o canon máis barato de España e de Galicia, que era 66 euros. 

 

Javier domu00ednguez sogama
Foto: Sogama

 

Noutra orde, 2024 está a resultar un ano de consolidación do modelo de Sogama, especialmente tras a apertura de novos centros como os de Verín ou A Lama. Cales son os seguintes pasos a dar de face a ampliar esta rede de servizo?

Primeiro que os concellos cumpran. Hai concellos a día de hoxe que non teñen aínda implantado o quinto colector. Na bolsa negra hai un 40% deses residuos que terían que ir ao colector marrón. Se eses concellos ponse as pilas, como dicía antes, e ese 40% de materia orgánica que vén na bolsa negra e non vai ao colector marrón, se vai ao colector marrón directamente xa non mandarían ese 40% no colector que vén a Sogama e habería un aforro. Por tanto os concellos teñen que incrementar a reciclaxe e teñen que incrementar a recuperación da materia orgánica, porque entre un e outro un 40% da bolsa negra é materia orgánica e un 30% é envases que poderían ir no colector amarelo. E si fose no colector amarelo, o que lle diría antes, ECOEMBES págalles máis diñeiro e enviarían menos residuos a Sogama.
 

Entón, polo que entendo dese diagnóstico, o que falta sobre todo é pedagoxía de face a trasladar á cidadanía onde e cando facer esa reciclaxe. 

Efectivamente, e iso é competencia municipal. A Xunta cumpriu e ten as infraestruturas necesarias para dar o servizo aos concellos. Eles teñen a obrigación de implantar o quinto colector e isto é unha obrigación que nos mandou Europa, non foi nin de Galicia nin de España implantar o quinto colector. Galicia cumpriu co obxectivo e investimos 45 millóns nesas catro plantas de compostaxe provinciais e o trece de transferencia que modificamos para que os concellos teñan unha tolva específica para a materia orgánica e nós distribuílas ás plantas de compostaxe. 

 

As infraestruturas están aí, pero eu doulle un dato: si no mes de xullo dunha capacidade que podemos ter de 8.000 toneladas ao mes chéganos en toda Galicia 388 toneladas de materia orgánica, creo que hai un traballo por parte dos concellos que teñen que pór as pilas e facer campañas de concienciación, sensibilización, etc.

 

De feito, a última vez que falamos comentoume que a aspiración era non conformar con tratar os residuos sen máis, senón que había que convertelos en recursos. Estamos máis preto dese obxectivo? 

Efectivamente. Nós fixemos estas plantas de compostaxe cunha capacidade para 50.000 toneladas. No momento que estas plantas estean completas teremos que buscar formas para facer un biogas, etc. Pero, primeiro, temos que completar a capacidade destas plantas e unha vez completemos esa capacidade tentarémolo. 

 

 

 

De face ao 2026 nós estamos cun plan estratéxico no cal imos basearnos en tres alicerces. Primeiro, nunha descarbonización do proceso, porque sabiamos que no 2026 íannos a eliminar a retribución á planta termoeléctrica e á planta de cogeneración e estabamos a traballar para que eses 18 millóns de euros que nos ían a eliminar no 2026 puidésemos nós compensalo cunha descarbonización do proceso, substituíndo o gas natural por un gas renovable, moito máis barato. Imos a implementar tamén unha dixitalización en todo o noso proceso produtivo, para saber desde o momento que entra nunha planta de transferencia ou no complexo ata que vai ao centro reciclador toda a trazabilidad deses residuos, telos dixitalmente. Logo estamos a estudar a posibilidade, porque é unha obrigación, en 2025, dunha planta de clasificación téxtil, porque vai ser un residuo máis que os consellos van ter que facer unha recollida selectiva do téxtil. 
 

E xa de face ao ano que vén, cales serán os grandes retos de Sogama? Menciona a dixitalización, pero tamén o emprego da IA era un dos obxectivos inmediatos.

Si, efectivamente. Nós estamos nun proxecto europeo de robotización e intelixencia artificial para a clasificación de envases. É pioneiro en España e en Europa, e estamos a iniciar, pero estamos a ir polo camiño de mellorar eficientemente todo o noso proceso produtivo, e nós todos os anos estamos a investir moito diñeiro en innovación e en eficiencia. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE