"As persoas con discapacidade intelectual teñen dereito a ter unha sexualidade como o resto"

Margarita Barrera, da Fundación ADCOR, fálanos de "4 Universos para naves especiais", catro guías de afectividade e sexualidade co fin de facilitar a comprensión e accesibilidade das persoas con discapacidade intelectual que presentan o venres 13 de abril ás 18:00h na sede de IESIDE Escola de Negocios de Afundación, na Coruña.



|


IMG 20170217 WA0011

ADCOR


A educación sexual é unha materia pendente na nosa sociedade. Centrada na prevención de Infeccións de Transmisión Sexual (ITS) e embarazos, a formación deixa completamente de lado a afectividade, parte esencial da nosa sexualidade.


As carencias en materia de educación sexual magnifícanse cando falamos de persoas con discapacidade intelectual. “As persoas discapacitadas son asexuais” ou “a educación sexual non é necesaria para persoas con discapacidades” son algúns dos mitos estendidos hoxe en día que nos levan a silenciar e invisibilizar a sexualidade de persoas con diversidade funcional. “Son persoas normais, como nós. Cada unha ten os seus intereses e necesidades que poden variar en función da actividade cognoscitiva, pero teñen os mesmos sentimentos e necesidades que nós. Non hai ningunha diferenza, a diferenza poñémola nós en todo caso”, comenta Margarita Barrera Vázquez, responsable de calidade e coordinadora de Centros e Servizos de ADCOR.


ADCOR, fundación que traballa para mellorar a vida das persoas adultas en situación de dependencia, presenta o venres 13 ás 18:00h na sede de IESIDE Escola de Negocios de Afundación, na Coruña de abril “4 universos para naves especiais”, catro guías de afectividade e sexualidade co fin de facilitar a comprensión e accesibilidade das persoas con discapacidade intelectual.


“O Universo da Sexualidade [a primeira das guías] é coñecer o corpo, as condutas eróticas, pero despois empezamos a falar dos sentimentos: como sentimos, como nos namoramos, que pasa cando as cousas saen mal, con quen podemos compartir e contar para conseguir isto. […] Entón sae O Universo das Emocións, o poder recoñecer as nosas emocións e metelas dentro do universo da sexualidade”.


O Universo da Diversidade é a terceira das guías que presenta a fundación, un manual sobre a diversidade sexual. Buscan achegar “os tipos de sexualidade que se poden vivir” ás persoas con diversidade funcional, porque como di Barrera “non podemos dar as costas á realidade”.


Para poder levar a cabo este traballo, é imprescindible que todas as partes estean implicadas. As protagonistas desta aprendizaxe deben ir da man con profesionais e familiares, cuxa implicación e formación é fundamental para poder “abordar esta temática, expoñer as necesidades”, pero tamén para non caer na sobre protección. “O importante é a formación. Se formas a unha persoa vai a ter respostas acertadas. A formación é das persoas [con discapacidade intelectual], das familias e das profesionais”. “En ADCOR”, cóntanos a coordinadora, “levamos moito tempo formándonos para isto”. Da importancia de establecer unha unión coas profesionais e as familias nace o cuarto manual: O Universo Familiar.



UniversoADCOR

4 Universos para naves especiais / ADCOR


Educar en igualdade


Da mesma forma que na educación sexual impartida en colexios, a formación con persoas con diversidade funcional ten que ir máis aló das ITS e embarazos. “Non só somos formadores das consecuencias que poidan ter os seus actos sexuais senón tamén das emocións”. Margarita fala dos sentimentos, das emocións, de sentir cousas por outra persoa pero tamén de afrontar o desamor, de non poñer en práctica nin soportar  condutas de malos tratos ou de saber que ninguén pode tocarlles se non queren. “É algo natural. Como que vaian comprar o pan e teñan que esperar a súa quenda. Non podes deixar que ninguén chegue e tóqueche ou abuse e ti, iso é fundamental. Ou que eles toquen a calquera. É unha aprendizaxe”, engade.


Desde a contorna o noso deber é “velo con total normalidade”. “As persoas con discapacidade intelectual teñen dereito a ter unha sexualidade como o resto das persoas. É lóxico que teñan parella, que poidan saír, que poidan bicarse… e que iso non chame a atención”. Porque ao silenciar e invisibilizar “hai unha parte da súa vida que non evoluciona, que se cobre, que se tapa. [Hai que] tratalo con naturalidade pero formando sempre.”

relacionada Os actores con discapacidade tamén saben facer rir

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE