Subvencións da Xunta para o carné de conducir de camión e outros tipos
O sector do transporte en Galicia leva anos sufrindo a falta de choferes. Para paliar este déficit, hai tempo que as empresas están a ofrecer contratos a inmigrantes. A Xunta busca corrixir o déficit mediante axudas para varios tipos de permisos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este luns sobre a convocatoria dunha nova orde de axudas dotada dun millón de euros para a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP) así como para os permisos de conducir C e D.
Así o sinalou tras a reunión semanal do Consello do Goberno autonómico, lembrando Rueda que xa existen unhas axudas similares para que menores de 30 anos saquen o carné de coche ou moto.
"Queremos ampliar para que persoas que decidan dedicar ao transporte de forma profesional poidan ter axudas e así acceder a estas profesións para as que fan falta unhas actitudes e unha titulación nun dos sectores nos que se están producindo máis vacantes", apuntou o mandatario galego.
Segundo dixo, a orde incluirá dúas liñas. Unha delas para subvencionar os cursos realizados para obter o CAP, tanto inicial como a renovación do mesmo. O importe máximo será de 1.200 euros no primeiro caso e de 300 euros no segundo.
Ademais, a outra liña subvencionará a obtención dos permisos de conducir das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E, cun importe máximo tamén de 1.200 euros.
A iniciativa, segundo Rueda, busca dar resposta á necesidade de profesionais do sector do transporte de mercadorías e do transporte de viaxeiros por estrada, debido á carencia de persoal que cumpra cos requisitos legais esixidos para o desenvolvemento da condución de determinados vehículos.
Prevese que a medida se publique no Diario Oficial de Galicia (#DOG) o 13 de agosto, comezando o prazo de presentación de solicitudes o 1 de outubro até o 30 do mesmo mes ou cando se esgoten os fondos. A través da medida cubrir os gastos subvencionables realizados entre o 30 de outubro de 2024 e o 30 de outubro de 2025.
ARTESANÍA
Noutra orde de cousas, a Xunta apoiará melloras en máis de 660 comercios locais e 64 talleres de artesanía de Galicia para incentivar a súa innovación e actividade sostible.
En concreto, un total de 664 comercios de proximidade e 64 talleres inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia beneficiaranse das axudas deste ano da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar a súa dixitalización, innovación e sustentabilidade, cun investimento de case 4 millóns.
Así se reflicte no informe analizado este luns no Consello do Goberno galego sobre a resolución da convocatoria de 2025 destas tres liñas de apoio, unificadas por primeira vez para simplificar e axilizar a súa tramitación.
Escribe o teu comentario