Os socialistas aseguran que a Xunta asfixia aos servizos de axuda no fogar dos concellos
A infradotación orzamentaria dos concellos nunha vella demanda dos municipios. Agora os socialistas pon o foco nos servizos sociais, como o de axuda no fogar, vital para un país, Galicia, onde centos de miles de persoas maiores viven soas.
A deputada de Calidade Democrática e Transparencia do PSdeG, Patricia Igrexas, cualificou de "neglixente e irresponsable" a xestión do Goberno galego no financiamento dos servizos sociais nos concellos.
Así lle culpa de "someter aos concellos galegos a un estrangulamento financeiro deliberado" que, engade, "pon en risco a viabilidade de servizos esenciais como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)".
"O Partido Popular está a xogar coa calidade de vida dos galegos e galegas, mentres se empeña en desviar recursos para favorecer os intereses dunha minoría", sostén Igrexas que afirma que o aumento anunciado polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos," de apenas 5 ou 6 millóns de euros para o próximo ano, é un insulto aos alcaldes e ás alcaldesas que están a loitar cada día para manter á boia os servizos máis básicos".
Igrexas sinala ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) "como o exemplo máis evidente do desinterese do Goberno de Rueda polos colectivos máis vulnerables".
"Estamos a falar dun servizo fundamental para milleiros de galegos en situación de dependencia que se está afundindo pola falta de recursos e que fai o Goberno galego, promete migallas que non abordan o problema real", afirma a deputada socialista.
Igrexas demanda, ademais, "unha resposta inmediata e contundente" por parte do Executivo autonómico, advertindo que "os concellos non poden seguir sendo os únicos que cargan coa responsabilidade de soster este servizo sen un apoio financeiro suficiente".
"Esiximos un cambio de rumbo inmediato para garantir un financiamento xusto, equitativa e acorde ás necesidades reais dos nosos municipios", sostén.
Escribe o teu comentario