Ex-senador do PP é directivo do parking de Ourense, aprobado por Cabezas e agora declarado ilegal
Martínez Randulfe é directivo tanto da empresa que explota agora o parking Buenos Aires (na Praza de San Antonio) e tamén o foi do grupo que o construíu. O BNG ve a nova sentenza que o ilegaliza como produto do "urbanismo de amiguetes" de Manuel Cabezas. O PSOE pide que o ex-edil e candidato do PP dea explicacións. Jácome culpa do envurullo á esquerda e o PP achácao a un convenio dos socialistas de 1994.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) acaba de confirmar que as instalacións privadas no subsolo da Praza de San Antonio son ilegais. As licenzas de obras (1998) e apertura (2002) foron concedidas polo Concello cando era alcalde Manuel Cabezas (#PP), agora de novo candidato polo Partido Popular.
Unha das empresas que explotan os terreos é Parking Buenos Aires, SA, que opera alí un aparcadoiro subterráneo. Entre os directivos desa empresa está Manuel Antonio Martínez Randulfe. O empresario foi senador polo PP sete anos, até 1993. Martínez Randulfe tamén aparece vinculado mercantilmente co grupo Carrajo, que lanzou a operación urbanística.
Así, segundo comprobou hoxe Galiciapress no Rexistro Mercantil, Martínez Randulfe figura como conselleiro delegado solidario, conselleiro e secretario de Parking Buenos Aires, SA. Ademais, o BORME indica que o ex-senador foi directivo da empresa que iniciou o parking, Construciones Irmáns Carrajo S.A, até 2010.
INTENTO DE LEGALIZALO CUNHA PXOM ILEGAL
O #PSOE reaccionou á sentenza esixindo a Manuel Cabezas que de explicacións. Os socialistas lembran que Cabezas, ademais de dar as licenzas de obras e apertura, tentou legalizar as instalacións mediante a súa frustrado PXOM, que a Xustiza tombou porque os planos expostos ao público non eran os mesmos que se estaban aprobando en realidade. Previamente, os xuíces ordenaran demoler a urbanización da Praza de San Antonio. A nova sentenza coñecida esta semana confirma que os terreos son de titularidade pública.
#BNG: "Todo isto parte dunha recualificación urbanística sendo Cabezas alcalde de Ourense" grazas a ese urbanismo salvaxe e de amiguetes, sen apenas control, que se practicaba naquel momento".
O Bloque reaccionou vinculando o aparente 'pelotazo' nos terreos dunha orde relixiosa coas prácticas do Partido Popular de Ourense. Os nacionalistas lembran que a orixe do conflito "ten que ver co urbanismo salvaxe e de amiguetes durante os anos de goberno do actual candidato á alcaldía polo Partido Popular, Manuel Cabezas".
Pola súa banda, o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), culpa ao PSOE. Os socialistas, co apoio do Bloque, chegaron ao Goberno Local tras perder Cabezas a maioría en 2007. Esa coalición tentou legalizar as vivendas, locais comerciais e garaxes da zona para, segundo o PSOE, "evitar unha indeminización millonaria para as arcas municipais". Jácome levou o asunto aos tribunale e hoxe culpou do sucedido tanto ao PP como ao PSOE.
Jácome: "A xustiza dános dereito a recuperar un terreo público para todos os ourensáns. Fíxose xustiza e o parking de San Antonio é de todos os ourensáns"
O líder de DO dixo onte que “hoxe temos constancia dunha sentenza que nos dá a razón sobre algo que levamos queixándonos desde hai unha década: que a praza sexa de dominio público, de todos os ourensáns”. O alcalde entende que "estamos ante unha auténtica lea pola xestión do PSOE no Concello de Ourense, cómplice dun atraco á cidade. Agora a xustiza dános dereito a recuperar un terreo público para todos os ourensáns. Fíxose xustiza e o parking de San Antonio é de todos os ourensáns".
O PSOE de Ourense respondeulle lembrándolle que todas as súas denuncias "arquiváronse e ratificaron as boas obras dese goberno e da súa xestora en urbanismo". O Bloque tamén defendeu o frustado intento de legalización de 2007. Os nacionalistas argumentan que cando a esquerda chegou o goberno local herdou o envurullo, e en base ao que establecía a propio PXOM de Cabezas, entón aínda vixente, "tivo que outorgar licenzas e por tanto legalizar devandito aparcadoiro".
Ogando (#PP): A orixe é un convenio asinado en 1994 polo PSOE cunha congregación relixiosa e despois traballouse en cumprir co acordado
Por agora Manuel Cabezas non valorou publicamente este novo golpe xudicial ao seu labor como alcalde, que aspira a reemprender tras as eleccións desta primavera. Si o fixo o seu partido. A concelleira Sonia Ogando esgrime que a orixe de todo é “un convenio asinado en 1994 polo PSOE cunha congregación relixiosa”. A conservadora rebaixa a responsabilidade dos gobernos de Cabezas indicando que só “se traballou en cumprir co acordado”. Ogando lembra que a nova sentenza non é firme e anima a seguir "pendentes" do que poida pasar.
VENDA E QUEBRA
Segundo figura na nova sentenza "a Comisión Municipal de Goberno do Concello outorgou o día 23 de xullo de 1998 á mercantil Construciones Irmáns Carrajo S.A., que adquirira os terreos pertencentes á Congregación Relixiosa (...), licenza para construír un conxunto inmobiliario composto de varias edificacións na Avda. de Buenos Aires, Ramón Cabanillas, Rúa Teluro e Camiño Caneiro, en ao redor dunha praza pública central (Praza de S. Antonio)". O TSXG tomba os intentos de anular unha sentenza en primeira instancia que declarou ilegal a operación.
En 2002, con Cabezas no poder, Irmáns Carrajo vendeu as dúas plantas de soto destinadas a
aparcadoiro rotatorio á entidade mercantil Parking Buenos Aires, SA polo prezo de 2.231.642 €. A sociedade Irmáns Carrajo acaba de ser disolta tras entrar en concurso de acredores.
Escribe o teu comentario