Triunfo para Jácome antes de acabar o ano: aproba tres modificacións de crédito máis con axuda do PP
O PSOE lembra que o expediente extraxudicial "chega o último despois doutras 26 modificacións de crédito" e "tras recoñecer máis de 15 millóns de euros que este concello contratou mal".
O Concello de Ourense celebrou este xoves un pleno extraordinario marcado pola aprobación de varias medidas económicas, entre elas un recoñecemento extraxudicial de crédito e dúas modificacións orzamentarias: unha para crédito para o Perte da auga e outra para emendar unha errata nunha modificación orzamentaria xa aprobada previamente.
O recoñecemento extraxudicial de crédito, de 265.700 euros, foi aprobado grazas aos votos favorables de Democracia Ourensá e o PP e cos votos en contra do PSOE e o BNG.
Precisamente o portavoz do BNG, Luís Seara, manifestou o rexeitamento a esta medida afeando que a situación se debe á falta dun orzamento actualizado e cualificando algún dos gastos como "clientelases".
"Hai desde unha compra dunha secadora para o fogar do transeúnte, que aínda está sen pagar, a outra factura por un importe de 2.400 euros para a compra de boquillas para a Policía Local, para o test de alcoholemia no ano 2022", expuxo Seara, sinalando que, con todo, "o que máis chama a atención" foron dúas facturas que se recibiron no concello a 5 de decembro de 2023 por importe de 7.118 euros, "cargadas á área de protocolo e cuxo detalle son 250 racións de polbo, 400 cadeiras e 1.000 copas".
"É difícil de entender que o concello compre unha secadora para o fogar do transeúnte, inconcibible que dous anos despois non paguen as boquillas para a Policía Local; pero o que non imos aceptar é un gasto de máis de 7.000 euros de modo clientelar", remachou Seara.
Na mesma liña manifestáronse desde a bancada socialista, desde onde a edil María Fernández coincidiu na necesidade urxente de elaborar un orzamento actualizado, argumentando que o vixente se remonta ao ano 2020 e non responde as necesidades actuais da cidade.
"Desde un punto de vista orzamentario este concello ten numerosos fallos e todo vén derivado de que non existe un orzamento", recriminou a concelleira que, ademais, manifestou que o expediente extraxudicial "chega o último despois doutras 26 modificacións de crédito" e "tras recoñecer máis de 15 millóns de euros que este concello contratou mal".
En canto ás modificacións de crédito, o pleno aprobou coa abstención de todos os grupos da oposición unha modificación orzamentaria de 2,2 millóns de euros, fondos necesarios para acceder a unha subvención europea para o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica da auga.
Ademais, corrixiron a errata na modificación de crédito por valor de 425.714 euros para a indemnización dunha empresa que xa fora aprobada nun pleno anterior.
Escribe o teu comentario