A folga do Concello de Ourense, ao bordo de ser indefinida mentres Jácome "ameaza" e "mente" ao persoal
A boa acollida do paro celebrado o luns, cun seguimento de en torno ao 90% segundo os sindicatos, motiva aos traballadores xa non só a ampliar os días de folga, senón mesmo a declarala indefinida.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ten un problema ás portas do seu consistorio que trata de arranxar nos plenos ás alancadas. As voces críticas coa súa xestión foron moitas ao longo dos últimos anos, pero é que agora son centos de manifestantes os que chaman á súa porta e que teñen o poder de paralizar a cidade, tal e como ocorreu na véspera e nos días posteriores á ponte de novembro, datas nas que tiveron lugar o primeiros día de folga dos traballadores do Concello, que ameazan con dobrar a súa aposta.
ENTRE "MENTIRAS" E "ALTA TRAIZÓN"
Despois da manifestación do luns, Javier Novoa, presidente da Xunta de Persoal, celebrou a boa acollida que tivo o paro, cunha segunda xornada máis masiva que a primeira. Á vista deste éxito, e ante a aparente ausencia de manobras desde o Concello para tratar de desbloquear a situación a ollos das forzas sindicais, os sindicatos expoñen a alternativa de que a folga se amplie con máis días de paro ou, mesmo, facela indefinida, unha opción cada vez máis próxima pola negativa a dialogar do rexedor. En todo caso, e como advertiu Novoa, serán os traballadores os que decidan a folla de ruta a seguir.
De igual maneira, desde Comisións Obreiras apuntan que o martes 12 de novembro, cando se celebrará a mesa técnica convocada polo Concello polos pluses e o complemento espcífico, o sindicato non asistirá pola negativa do alcalde a "confiar nos sindicatos". No seu lugar, afirman desde CC.OO., Jácome está "a mandar cartas individuais aos traballadores" cun contido "ameazante" e "cheas de mentiras".
"CC.OO. puxo a disposición da asesoría xurídica devanditas cartas", apunta o sindicato. De igual maneira, reprenden ao alcalde pola "aclaración", que tachan de "amanezante" e "enganosa", para que a Policía Local "traballe na carreira do San Martiño".
"Amente para conseguir o seu", acusan, valorando que o líder de Democracia Ourensá non ten interese nos traballadores municipais "salvo no cambio de cromos co PP, onde acordaron 22 millóns a cambio da publicación no BOE do Plan de Estabilización". Os traballadores acusaron aos popular de "alta traizón" por permitir a modificación de crédito de Jácome.
Escribe o teu comentario