Concelleiro do Carballiño gastou 400€ en “paparota” en restaurante de luxo en Madrid, denuncia a oposición
Espazo Común Galeguista asegura que o primeiro tenente de alcalde do Carballiño, José Manuel Dacal Fernández (#PSOE), gastouse 400 euros nunha comida nun restaurante de Madrid cunha estrela Michelín. O grupo da oposición indica que o funcionario interventor municipal puxo reparo a pagar esa factura pero que o alcalde, Francisco José Fumega Piñeiro (#PSOE), levantouno para abonar a factura co diñeiro municipal.
Os socialistas non responderon por agora publicamente á acusación vertida polo partido que lidera o ex-líder do PSdeG, o carballiñés Pachi Vázquez. Espazo Común asegura que a única explicación foi que eran gastos do ano pasado.
A oposición confirma que foi un gasto de xaneiro de 2023, pero que salta agora porque a factura non se presentou até o 29 de decembro de 2023. O alcalde deulle o visto e prace a mediados de xaneiro a pesar dos reparos da Intervención.
Espazo Común entende que estamos ante un “dispendio” para “#dar unha homenaxe” e pide explicacións tanto ao pagador como ao alcalde por permitir o abono da factura a pesar dos reparos do interventor.
Escribe o teu comentario