O alcalde de Ourense substitúe a Chuck Norris na súa felicitación do Nadal: "Un bo rexedor debe ter altura de miras"
O vídeo finaliza cunha mensaxe en pantalla: "En Jácome pódese confiar"
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, compartiu nas súas redes sociais a súa felicitación do Nadal aos ourensáns, na que substitúe dixitalmente a Chuck Norris nun vídeo no que fai o 'spagat' entre dous avións e proclama que "un bo rexedor debe ter algura de miras".
"Actualizando e tuneando un vídeo vello. Bo nadal e próspero 2023 ás persoas de boa vontade", escribiu este venres na súa conta de Twitter o alcalde da cidade de Ourense.
Trátase dunha modificación na que o rexedor local pon a súa cara ao vídeo da compañía Delov Dixital, que lanzou en 2013 cunha emulación dixital do actor Chuck Norris facendo o 'spagat' entre as ás de dous avións mentres sostén sobre os seus ombreiros a once persoas que acenden paulatinamente unhas luces do Nadal.
O vídeo ten case dez anos e, á súa vez, é unha parodia dun anuncio do tamén actor Jean Claude Van Damme no que realizaba ese mesmo exercicio entre dous camións. Jácome úsao agora para felicitar as festas á xente "de boa vontade".
O alcalde acompañou o vídeo cunha gravación dun discurso no que fala das características de "un bo líder". "Un bo líder non só debe facer as cousas correctamente, un bo líder debe facer o correcto. Un alcalde non só debe loitar por si sempre cara arriba, un bo rexedor debe ter altura de miras", sinala Jácome.
"Un bo alcalde non só debe levar o peso do concello aos seus ombreiros, un bo alcalde debe dar ás ás súas mulleres e homes", proclama antes de desexar un "Bo nadal e un Próspero 2023 para todo Ourense" no peche dun vídeo que conclúe cun lema sobre a pantalla no que pode ler "En Jácome pódese confiar".
Escribe o teu comentario