O divorcio de Jeff Bezos na terraza do Hotel Costa Vella de Santiago

Manuel Vilas López

Se seguimos pasmando, só un milagre desa caste nos librará da avalancha que cada primavera nos leva por diante, convertídonos a nós, os composteláns, en extras dun anuncio de Turgalicia

WhatsApp Image 2025 03 30 at 7.17.18 PM
Cartel na entrada do Hotel Costa Vella na rúa Porta da Pena de Santiago de Compostela

 

Roñar porque a terraza dun hotel pecha, por moito cariño que lle teñamos, pode resultar pequeno burgués. Éo.

 

Os composteláns temos problemas moito máis graves, sobre todo o prezo da vivenda. Primeiro foi a zona vella. Despois, San Pedro. A tiña chegou axiña aos barrios populares. Vite, os Pexigos ou Concheiros, por exemplo, baléiranse de veciños e universitarios. No seu lugar chegan recuas de maletas de rodiñas cara a apartamentos turísticos, tanto legais como ilegais.

 

Tamén hai moitos investidores, a miúdo estranxeiros, que compran pisos para vivir un tempo e despois especulan. Protexidos polos gobernantes, uns poucos enriquécense a costa de facer case imposible que a maioría atopemos unha vivenda digna na cidade.

 

En Venecia, se chegas tarde neses días non che queda outra que correr, se tes sorte, ou nadar, se non.

 

Certo, noutros lugares están peor. Jeff Bezos, o propietario de Amazon, acaba de pechar a maioría dos hoteis de Venecia para a súa voda. Tamén reservou toda a flota de taxis durante tres xornadas. Así que en Venecia, se chegas tarde neses días non che queda outra que correr, se tes sorte, ou nadar, se non.


Fronte á expulsión da plebe dos seus barrios, que transcendencia ten o peche da terraza do Hotel Costa Vella? Non é unha queixa propia dun señorito?


Un lamento pequeno burgués, sen dúbida. Con todo, aqueles que gozaron do pequeno xardín antes de que fose colonizado polos instagramers, quizais me concedan certa indulxencia.


Se cadra lembran que poucas cousas sabían mellor que o primeiro café ao sol no "hotelito", limiar á fertilidade da Feira do Barrio de San Pedro, templo do agromar dunhas compostelanas inzadas de mofo tras a invernía intramuros.
 

Non interprete este comentario como unha crítica ao equipo do Hotel Costa Vella. Pola contra, merecen aplausos.
 

Nun mundo onde a cobiza non é un pecado senón un valor, nunha hostalería que corre coma unha cadela en celo detrás doutro récord, levantaron o pé.

 

Elixiron o benestar dos seus xestores e traballadores fronte á tolemia de espremer ata a última gota un negocio que, de seguro, seguiría sendo máis rendible coa terraza aberta ao 100%. Iso sí, a costa de máis traballo, máis horas e máis sacrificios; sempre máis e máis.

 

"Nos últimos anos o contexto cambiou, e cómpre facer unha pausa para buscar unha forma de xestionar este espazo dunha forma máis viable e sostible, tanto para nós como para o noso equipo", explicaban hai unhas semanas os do Hotel Costa Vella, tras comunicarnos que "a cafetería e a terraza permanecerán pechadas ao público".

 

En Santiago hai tempo que hai máis estudos de tatuaxe que bares nos que se pode mercar licor café en botellas de plástico traídas da casa

 

A palabra clave nesa despedida é "contexto". Sobran explicacións, en Santiago hai tempo que hai máis estudos de tatuaxe que bares nos que se pode mercar licor café en botellas de plástico traídas da casa. Ourto exemplo, no Ogeros, o último ultramarinos do casco histórico, van abrir outra lavandería. 


Hai esperanza? Atoparán os do Costa Vella esa  “fórmula” e volverán abrir a terraza ao público, polo menos en inverno? Lembras, o inverno? Si, aqueles catro meses que parecían interminables, cando as chuvieiras asustaban aos turistas propiciando milagres, como atopar un oco na Tita, pincho de tortilla  e café por 1,5 €.
 

Hai esperanza? Quen sabe. Que este artigo sirva de petición. De súplica, mesmo; para non perder para sempre ese refuxio para as resacas dominicais, vermús pre-casamentos ou reencontros outrora imposibles.

 

E se non hai sorte e a ferida nunca pecha, quédanos confiar na fugacidade do amor.

 

Se cadra algún día Bezos divórciase e reserva o Hotel Costa Vella e o resto da Praystation para uns días de carallada. Se seguimos pasmando, só un milagre desa caste nos librará da avalancha que cada primavera nos leva por diante, convertídonos a nós, os composteláns, en extras dun anuncio  de Turgalicia, figurantes rosmóns dun avatar do que unha vez foi a nosa gran aldea, Santiago de Compostela.


 

LlegadadejvenesperegrinosocupandotodoelanchodelacalzadaenelBarriodeSanPedroyenarbolandobanderasespao
Chegada de mozos peregrinos ocupando todo o ancho da calzada no Barrio de San Pedro e enarborando bandeiras españolas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE