Seguen na UCI o marido e os dous fillos da muller de 27 anos que faleceu no accidente de Xermade
O home, de 35 anos, e os dous menores, un deles de só uns meses de vida, seguen sendo atendidos polos sanitarios.
O condutor do vehículo accidentado este luns no municipio lucense de Xermade, no que faleceu unha muller de 27 anos, permanece ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (#UCI) do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), mentres que os dous menores feridos atópanse estables na UCI pediátrica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
O sinistro produciuse sobre as 18.50 horas na estrada LU-861, á altura do quilómetro 12, na parroquia de Candamil.
Foi un particular quen contactaba co 112 Galicia para alertar de que un vehículo se saíu da vía e precipitado por un barranco até unha zona de maleza e de difícil acceso. O golpe foi tan forte que o teito do coche desprendeuse.
Tras recibir o aviso, a central de emerxencias activou un amplo operativo coa participación de Urxencias Sanitarias-061, que desprazou até o lugar ao helicóptero medicalizado con base en Santiago, unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e dúas ambulancias asistenciais de soporte vital básico, ademais de persoal sanitario da PAC de Vilalba. Tamén acudiron os bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil.
Ao chegar punto, os equipos de emerxencias indicaron que todos os ocupantes do vehículo estaban accesibles, pero que era necesaria a intervención dos bombeiros para o rescate, xa que o terreo no que estaban era complicado.
Foron atendidos catro pacientes: unha muller de 27 anos (A.C.E.), falecida no punto; un home de 35 anos (B.R.D.), trasladado en helicóptero ao CHUAC; e dous menores, evacuados en ambulancia ao HULA.
Escribe o teu comentario