(GALERÍA) Galicia foi Islandia por unha noite: así se viron as incribles auroras boreais na comunidade
A actividade solar deixou unhas grandes instantáneas a aqueles que aguantaron espertos para contemplar o ceo nocturno cunhas inusuais auroras boreais. Particulares e institucións como os Museos Científicos Coruñeses compartiron as fotos en redes sociais.
Cidadáns de diferentes puntos da xeografía galega han podido contemplar esta pasada noite o espectáculo das auroras boreais que, como sucedeu xa no mes de maio, volveron a tinguir os ceos de boa parte de España de tons arroxados e azamboados.
A culpable foi unha tormenta solar de enormes dimensións que se producía a pasada semana e cuxas partículas comezaron a chegar estes días á atmosfera, ocasionando auroras boreais en localizacións moito máis ao sur do que é habitual.
O sol, apuntan os científicos, atópase próximo ao seu período de maior actividade, o que está a provocar as maiores tormentas solares das últimas décadas. Máis intensa que a actual foi a do pasado mes de maio, cando as auroras puideron verse tamén en Galicia durante varios días. Este período de actividade máxima estímase que se estenderá, polo menos, até inicios do próximo ano.
As auroras prodúcense cando as partículas procedentes das tormentas solares son atraídas polo campo magnético da Terra que, á súa vez, desprázaas cara aos polos. A enerxía, observable en forma de luz, libérase cando estas partículas interactúan coa atmosfera. Dado que as partículas se desvían habitualmente cara aos polos polo campo magnético da terra, é nestes lugares onde é máis frecuente ver auroras.
Ademais, a cor das auroras depende da altitude de observación, polo que adoitan ser verdes máis ao norte e adquirir tons arroxados ou azamboados a medida que se observan máis cara ao sur.
Escribe o teu comentario