Despedimentos no grupo A Capital (O Ideal, DXT, Diario de Ferrol) suscitan un conflito laboral
O sindicato CIG indica que as causas económicas aducidas son "arbitrarias". O Colexio de Xornalistas alerta da deterioración da calidade da información ao prescindir de traballadores con experiencia.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) expresou a súa preocupación ante a onda de despedimentos rexistrada nas últimas semanas nas redaccións de Editorial A Capital, o grupo de prensa local con sede na Coruña controlado polo empresario José Collazo a través de Comar Investimentos.
A Xunta de Goberno do colexio fixo pública a súa solidariedade cos afectados e emprazou á dirección, encabezada por Rubén Ventureira Novo, a reconsiderar unhas medidas que ve prexudiciais tanto para as redaccións como para a cidadanía.
Segundo o comunicado do Colexio, nas últimas semanas foron despedidos xornalistas de DXT Campión —o único diario deportivo en papel editado en Galicia, que cumpre 31 anos en 2026 e que se centra sobre todo na acutalidad do Deportivo da Coruña, que está en pleno boom tras o seu ascenso a primeira— así como do Ideal Galego, Diario de Ferrol Diario de Arousa e Diario de Compostela. A estas saídas súmanse outro tres producidas en febreiro de 2025.
Pola súa banda, fontes da CIG con representación no comité de empresa consultadas por Galiciapress cifran seis os despedimentos do último tramo, e sinalan que a dirección aduce supostas causas económicas para explicalas, unha argumentación que o comité cualifica de arbitraria e inxustificada.
O comité de empresa xa recorreu os despedimentos ou se atopa en proceso de presentar as correspondentes demandas, segundo as mesmas fontes sindicais. A CIG indica ademais que o comité agarda as decisións que emanen das asembleas de persoal para definir que accións de resposta levarán a cabo, o que apunta a unha posible escalada do conflito se a empresa non dá marcha atrás.
O que máis preocupa ao Colexio é o perfil dos afectados: a maioría acumula máis de quince anos de traxectoria profesional. O gremio advirte de que substituír veteranos por perfís máis novos con peores condicións non só empobrece as redaccións, senón que rompe a transmisión intergeneracional de coñecemento que sostén a calidade do xornalismo.
Os sinais de tensión viñan de lonxe: desde 2024, traballadores do grupo denunciaban a eliminación de seccións e o afastamento dalgúns compañeiros das tarefas informativas cara a labores mecánicos.
O CPXG lembra que o xornalismo non pode rexer unicamente por criterios de rendibilidade. Gran parte do sector, ademais, está a ser sacudido polo cambio de modelo que implica a adopción da Intelixencia Artificial, que permite a produción de moito contido de pobre calidade a un prezo, actualmente, ínfimo; dado que os operadores de IA están malvendiendo as súas subscricións coa esperanza de facerse imprescindibles e, así, a medio prazo, aumentar os seus prezos.
Escribe o teu comentario