Falta de pagamentos en Industrias Losán empuxan ao persoal de Curtis a convocar mobilizacións
A protesta será de 10:15 a 10:45 ante a planta de Curtis o mércores 23 de abril.
O comité de Industrias Losán convoca un concentración para este mércores, 23 de abril, para reclamar o cobro de salarios pendentes e un plan industrial que permita reactivar a factoría. A protesta será de 10,15 a 10,45 ante a planta de Curtis (A Coruña), no tempo do descanso do persoal.
Segundo informa a #CIG nun comunicado, os traballadores acordaron en asemblea iniciar mobilizacións en resposta aos constantes atrasos en nóminas durante o último ano e o pago inmediato das últimas pendentes (mes de marzo e unha paga extraordinaria).
Denuncian que a empresa segue sen aplicar, "tras tres meses e medio", o incremento salarial de 2025 pactado no convenio de empresa, polo que tamén se deben os atrasos.
A CIG apunta que "en situación similar" atópase o centro do grupo en Vilasantar , Aserpal, e dúas instalacións noutras comunidades.
Alerta de que a fábrica de Curtis, dedicada ao revestimento de madeiras e fabricación de papel melamínico, "está practicamente sen produción e perdendo cota de mercado a ritmo acelerado".
"A última noticia é que a dirección lle anunciou ao persoal que vai recibir unha axuda pública do Igape e que con este diñeiro pretende pór ao día os salarios debidos, e que de face aos próximos meses farao mediante iniciativas similares que, en todo caso, nada teñen que ver coa reactivación da fábrica", sinala o sindicato nacionalista.
Escribe o teu comentario