Protestas e folga nos concesionarios do grupo Yáñez, onde hai "risco de despedimento" para 114 empregados
A CIG celebrou protestas na tarde deste luns e convocou ao paro aos empregados para este martes 8 de abril.
Os concesionarios Volkswagen baixo a firma do Grupo Yáñez na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela viviron un inicio de semana complicado, como veñen sendo nos últimos meses polos problemas desta marca agudizados pola falta de pagamentos que sofren os empregados en relación á nómina de marzo, todo iso enmarcado no proceso de preconcurso no que se atopan.
FALTA DE PAGAMENTOS E ATRASOS DURANTE MESES
Esta crise desembocou na convocatoria dun primeiro día de folga este martes en Gándara Motor, concesionario de Volkswagen en Ferrol. Como previa, este luns concentráronse os traballadores ante o concesionario ferrolán, do mesmo xeito que ocorreu noutros centros da Coruña
Vicente Vidal, responsable de CIG-Industria na comarca de Ferrol, detalla que máis dunha vintena de empregados en Ferrol "están a enfrontar problemas económicos, con atrasos nos pagos das nóminas, e falta de comunicación por parte da dirección".
"Desde que este empresario asumiu o control de Gándara Motor, os traballadores lidaron con múltiples dificultades, que inclúen pagos tardíos e mala atención ao cliente", lamenta, á vez que agrega que "nos últimos meses, a situación empeorou, con falta de pezas para atender reparacións e apenas vehículos na exposición".
SEGREDO
A CIG denuncia a "desaparición do xerente" e o escurantismo que existe pola preocupante falta de información sobre a solicitude do preconcurso que nestes momentos ameaza a máis dun centenar de traballadores repartidos nos centros da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.
A propio CIG sospeita que o que está en marcha nestes momentos é unha "importante reestruturación" do persoal mediante un ERE do que aínda ninguén se atreveu a teorizar sobre o número de despedimentos. A medida iría na liña da situación que se vive hoxe na automoción tanto galega como mundial, lastrada por crise como a dos semiconductores, os aranceis anunciados por Donald Trump ou a entrada dos vehículos chineses no mercado.
Á espera de que se presente un plan de viabilidade para o futuro da empresa, o sindicato lembra que esta situación non é nova, senón consecuencia dunha "nefasta xestión" durante os últimos anos que cristalizaba en "atrasos constantes tanto no abono das nóminas como das pagas extraordinarias, que sempre se percibiron fóra dos prazos legais" ou o feito de que moitos talleres non tivesen as pezas suficientes como para atender a demanda, pois os provedores e a casa de automóbiles "deixaron de enviar subministracións" pola falta de pagamentos.
VENDER YÁÑEZ?
Entre o preconcurso e o periódo de prórroga, a incerteza ao redor da posible venda da empresa non fai máis que crecer. "Ante a falta dun plan claro de viabilidade, os empregados sospeitan que a empresa podería estar a buscar vender os concesionarios, posiblemente sen incluír ao actual persoal de traballadores. Tras varios meses de atrasos nos pagos, este mes aínda non cobraron", censura a CIG, desde onde aseberan que a resposta irá en función de "como responda a dirección", sen descartar asumir máis medidas por encima da folga de mañá.
Escribe o teu comentario