Rueda non aclara si un dos informes sobre Altri é o de Augas de Galicia: "Está xa emitido...ou a piques de emitir"
Unha semana máis o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, preguntado por Galiciapress ao redor da información adicional que o seu Goberno solicitou a Altri para a redacción dos informes, volveu ser ambiguo á hora de aclarar si un deses doce expedientes que seguen pendentes de resolución é o de Augas de Galicia, tal e como sinalan as plataformas críticas co proxecto.
O pasado 20 de xaneiro, en plena polémica pola información adicional requirida pola Xunta de Galicia a Altri para concluír o informe final do proxecto que quere desembarcar en Palas de Rei, o mandatario autonómico, Alfonso Rueda, dixo non saber que informes estaban xa resoltos e cales non. "Non teño na cabeza os que están e os que non", declarou entón Rueda, reafirmando que el non estaba "no día a día dos técnicos".
Ao longo da semana o seu propio Executivo puntualizou que un terzo dos 36 informes sectoriais sobre a empresa portuguesa estaban pendentes desa información adicional requirida polo Goberno de Galicia, o que clarificaba, un pouco polo menos, o escenario ao redor deste proxecto que recibiu tantas críticas por parte de forzas políticas, grupos medioambientalistas e plataformas veciñais.
SEN NOVIDADES AO REDOR DE AUGAS DE GALICIA
Cunha ducia de informes pendentes de concretar, as sospeitas das organizacións críticas co proxecto de Altri diríxense a que un deses textos fundamentais é o de Augas de Galicia, un extremo polo que este diario consultou a semana pasada ao presidente da Xunta e sobre o que volveu preguntar este luns tras a celebración do último Consello da Xunta.
"Son moitos informes. Nin os teño na cabeza nin fago un seguimento exhaustivo, para iso hai departamentos encargados de coñecer o minuto e resultado", insistiu Rueda, que recalcou a "vontade absoluta de transparencia" do seu Goberno ao redor de "este asunto especialmente" que ocupou tantos titulares nos últimos meses.
Concretamente, sobre o de Augas de Galicia, o presidente da Xunta volveu ser pouco conciso, afirmando que ese era un documento que "está xa emitido...ou a piques de emitir". "Non llo podo dicir. É a verdade. Un seguimento exhaustivo minuto a minuto non o fago eu, hai persoas encargadas de facer iso", lembrou o mandatario.
En calquera caso, sobre os prazos, Rueda incide en que "serán os técnicos os que marquen sempre os prazos". Respecto diso, dixo que en todo caso, cando se coñezo, o ditame será "absolutamente fundado", pero non avanzou datas para coñecer o mesmo.
Escribe o teu comentario