SOGAMA innova con colectores amarelos con IA capaces de recoñecer o tipo do envase polo ruído ao caer
A intelixencia artificial pode recoñecer envases polo son que xeran ao caer mediante a combinación de sensores acústicos e algoritmos de aprendizaxe automática. Cada tipo de envase, como plástico, metal ou cartón, emite un patrón sonoro distintivo ao impactar coa superficie do colector. Estes sons son analizados e clasificados pola IA, que foi previamente adestrada cun conxunto de datos que asocia cada son ao seu tipo de material. Esta tecnoloxía, que SOGAMA acaba de incorporar no seu recinto, permite identificar residuos en tempo real con alta precisión, axilizando a reciclaxe e reducindo erros na separación de materiais.
Esta iniciativa, apoiada polas empresas Coregal e Candam Technologies, forma parte do programa de recollida selectiva de residuos de Sogama. Segundo detallou Mirta Sueiro, directora xeral de Sogama, o obxectivo é avaliar o impacto das recompensas económicas na colaboración do persoal co sistema de reciclaxe. "Queremos comprobar como o incentivo pode fomentar a correcta separación de residuos e aumentar a participación activa dos traballadores", sinalou Sueiro.
Durante a presentación, Javier Domínguez, presidente de Sogama, subliñou a importancia de motivar en lugar de penalizar para fomentar hábitos sostibles.
Premios para fomentar a participación
O sistema inclúe unha aplicación móbil onde os empregados rexistran os puntos obtidos ao depositar correctamente envases de plástico, latas e briks nos colectores intelixentes. Os dous mellores recicladores recibirán cupóns canjeables por diñeiro en establecementos dos municipios da Mancomunidade de Ordes: 100 euros para o primeiro premio e 50 euros para o segundo.
A campaña, que comezou o pasado 5 de decembro, estenderase até o 5 de xuño de 2025, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Segundo Sogama, esta experiencia podería sentar as bases para a expansión dos colectores intelixentes en concellos galegos, contribuíndo así ao cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe.
Tecnoloxía galega ao servizo do medio ambiente
Antonio Pena, xerente de Coregal, destacou as características destes colectores, que non só identifican os residuos, senón que rexistran a colaboración en tempo real. Pola súa banda, Víctor Silva Suárez, conselleiro delegado de Galega de Economía Social, eloxiou o enfoque do proxecto, que combina innovación tecnolóxica, sustentabilidade ambiental e unha dimensión social.
Escribe o teu comentario