Así funciona o programa de bolsas 'Talento Profesional' de Viaqua e Igaxes
Tras lanzar o programa 'Talento Mozo', as dúas organizacións redobran a súa aposta pola formación.
O programa de bolsas 'Talento Profesional' xa é unha realidade. A iniciativa, que nace da man de Viaqua e Igaxes -dúas organizacións que, recentemente, anunciaron unha nova edición do programa 'Talento Mozou'-, busca contribuír a través da Formación Profesional á inserción laboral, co desenvolvemento de programas formativos especialmente pensados para persoas nunha situación de vulnerabilidade.
O proxecto está deseñado para "axudar a mozos galegos con dificultades económicas a desenvolver estudos en Formación Profesional (#FP), reafirmando o compromiso de Viaqua coa igualdade de oportunidades e o desenvolvemento do talento". A ONG Igaxes achega o seu coñecemento asesorando tras a firma do novo convenio de colaboración, co que as dúas organizacións estreitan a súa alianza.
A bolsa promete cubrir os gastos directos derivados dos estudos dos beneficiarios "por un máximo de 1.000 euros anuais". "Os beneficiarios recibirán un acompañamento pedagóxico e psicosocial individualizado, que busca potenciar a súa motivación e competencias persoais, mellorando así as súas perspectivas formativas e laborais", indican.
Os solicitantes deben ser residentes en Galicia "nalgún dos municipios xestionados por Viaqua", ademais de estar matriculados en "estudos presenciais de Formación Profesional de grao básico, medio ou superior en centros públicos". O proceso de candidaturas está aberto até o próximo 31 de outubro e desde Viaqua convidan aos interesados a coñecer máis sobre as condicións do programa.
Escribe o teu comentario