Condena a Carlos Somoza, fundador da "pirata" Alcor Seguridade, por explotar a decenas de vixiantes
A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco meses de cárcere ao fundador da compañía monfortina.

Tras moitos meses de denuncias, xuízos suspendidos e un larguísimo proceso xudicial -unha década de instrución-, hoxe coñeceuse a sentenza contra Carlos Somoza e outros membros da empresa investigados por vulnerar as condicións laborais dos vixiantes que prestaban servizo na firma con sede en Monforte de Lemos, tachada en máis dunha ocasión pola Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) como unha das compañías "pirata" do sector da seguridade privada.
CONDENAS DE PRISIÓN
Nun xuízo no que se citou a máis dun centenar de testemuñas a prestar declaración e que se viu suspendido nun primeiro momento pola folga dos Funcionarios da Administración de Xustiza, que obrigou a aprazar o proceso até o pasado mes de novembro, a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco meses de cárcere a Somoza, que por entón dirixía e administraba Alcor Seguridade.
A Xustiza responsabilízao de cometer oun delito contra os dereitos dos traballadores e tivo en conta atenuantes como as dilacións indebidas ou a reparación de danos. Ao tempo, existen outras condenas contra outros tres cargos, unha delas á por entón delegada de Alcor en Asturias e Cataluña, ao xefe de servizos nas Illas Canarias e a unha administrativa da sede de Monforte.
Os feitos xulgados corresponden a episodios sucedidos entre 2011 e 2015 e a sentenza reflicte que en Alcor empregouse "a múltiples traballadores como vixiantes de seguridade, a quen impuña, mediante engano e abusando nalgúns casos da súa situación de necesidade, condicións laborais que vulneraban os dereitos recoñecidos aos mesmos nas disposicións legais vixentes". Os axentes que participaron no proceso cualificaron de "infrahumanas" as condicións ás que eran sometidos os traballadores.
ABUSOS E PRESIÓNS
Xornadas maratonianas con quendas de 24 horas durante varios días, sen respectar os descansos, presións para renunciar á antigüidade e poder realizar horas extra, asinar documentos en branco ou con posteridade á data do propio contrato, ou "manifestación de que non tiñan nada que reclamar á empresa, de recibir formación e información en relación co seu posto de traballo ou de conformidade co convenio colectivo" son algúns dos feitos que a Xustiza considera probados e polos que se decretan os cinco meses de prisión a Somoza.
Tamén consideran constatada a "non realización de cursos de formación de obrigado desenvolvemento, presentando a empresa xustificantes inveraces asinados polos traballadores acreditativos de habelos realizado e instruíndo aos mesmos a realizar manifestacións en tal sentido se fosen requiridos polos servizos de inspección".

"Estimamos que o modus operandi da entidade no período axuizado, enganoso e coactivo, impondo ás traballadores condicións ilegais, beneficiosas para a mesma e claramente prexudiciais nos seus dereitos laborais, é subsumible no tipo penal", conclúe o auto, contra o que cabe presentar recurso ante o TSXG.
Escribe o teu comentario