Vilalba conserva 40 anos despois o molde co que se fixo o busto de Fraga roubado
"Non sei se vale despois de tanto tempo", puntualiza o alcalde, convencido de que esta vez "non aparece".
O alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, adiantou que o Consistorio xa ten o molde de escaiola co que refacer o busto do ex presidente Manuel Fraga roubado este mércores. Ademais, buscará o modo de "ancoralo ben á pedra" para dificultar posibles roubos futuros.
"Temos un bloque de escaiola que non sei se vale despois de tanto tempo", explicou con respecto ao molde con máis de 40 anos de antigüidade. En todo caso, Baamonde afirmou que "aínda que (o escultor) non teña molde, non é moi complicado" realizar a copia coa axuda dunha fotografía do ex presidente.
En canto ao futuro busto, o primeiro edil asegurou que están a buscar o modo de "poder ancoralo ben á pedra". "Se o levan, que leven a pedra tamén, que é máis difícil", sentenciou.
Sobre o paradoiro da estatua, o rexedor declarou que "de momento non se sabe nada". "A sensación que teño é que non aparece", reiterou, pola "forma en que o fixeron".
"É a terceira vez que falta, pero as dúas primeiras tiñan máis pinta de canallada", opinou, xa que esta vez "non fixeron danos", senón que se tratou dunha extracción "limpa" a pesar de que esta vez estaba ancorado, "xa non estaba aparafusado".
Escribe o teu comentario