A Xunta contrata por 32 millóns a xestión integral da planta de envases lixeiros de Sogama
O contrato conta cunha duración inicial de tres anos, ampliable a cinco e cunha prórroga excepcional de nove meses.
A Xunta adxudicou por máis de 32 millóns de euros a xestión integral da planta de clasificación de envases lixeiros de Sogama, localizada no complexo medioambiental de Cerceda.
O contrato -cunha duración inicial de tres anos, extensible a cinco e cunha prórroga excepcional de nove meses- ten como obxectivo incrementar as toneladas de envases destinadas á reciclaxe, ao tempo que inclúe cuestións como o mantemento e actualización dos equipamentos para acadar un óptimo funcionamento do conxunto das instalacións da planta.
Nesta plataforma recíbense os envases de plástico, as latas e os briks que os cidadáns depositan nos contedores amarelos e realízase a selección automática dos mesmos por tipoloxía dos materiais. Unha vez culminado este proceso, envíanse aos centros de reciclaxe para que sexan convertidos en novas materias primas e reincorporalos ao circuíto comercial cunha nova vida xerando así un importante aforro tanto medioambiental como económico ao converter os residuos en recursos.
A valoración de ofertas e a adxudicación do contrario baseáronse en cuestións como a correcta implantación da metodoloxía 5S nas súas distintas fases, así como as actuacións orientadas a incrementar o rendemento e a eficiencia da instalación. Tamén se avaliaron outros aspectos como o cumprimento das exixencias medioambientais para a explotación dos distintos equipamentos, as medidas de protección dos solos ou os niveis sonoros xerados no seu funcionamento.
ESTRATEXIA GLOBAL
Esta actuación para optimizar a xestión dos envases lixeiros vai na liña de outras iniciativas lideradas por Sogama como o proxecto Gresint, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e que está orientado á transformación dixital intelixente no proceso de recollida e clasificación de residuos de envases.
O proxecto Gresint, transversal e innovador, combina tecnoloxía, sostibilidade e circularidade co obxectivo de contribuír a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe e introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substituirán aos de primeira creación, avanzando así na economía circular.
Esta iniciativa foi elixida no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (Poctep 2021-2027) e conta co participación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e, no caso de Portugal, da Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI).
Escribe o teu comentario