Un queixo do D.O.P. Arzúa-Ulloa alcanza a final do Campionato de Queixos de España
O gañador darase a coñecer o próximo 17 de abril no XXXVI Salón Gorumet.
Arzúa é un territorio mundialmente coñecido pola súa gastronomía e, máis concretamente, polos seus queixos. Non fan falta galardoes para acreditar a calidade dos seus produtos, pero, todo sexa dito, nunca están de máis os recoñecementos como o concedido polo xurado da XIII Edición do Campionato dos Mellores Queixos de España á casa Lácteos Farelo, cuxo queixo se coou entre o cinco finalistas do certame.
O queixo conta co selo da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e foi un dos favoritos no Salón de Gourmets de Madrid, onde se deron cita os mellores produtos de toda España. Os queixos de Agolada chegaron até a finalísima na categoría de vaca nova.
"O Arzúa-Ulloa de Lácteos Farelo ten elaboración artesanal e elabórase utilizando leite que procede de vacas de pastoreo que se alimentan con forraxes naturais e seguindo unha tradición que se remonta ao ano 1984", comentan desde a compañía, que cita aos outros catro queixos do país seleccionados: Queixo Arzúa-Ulloa Granxa Beley do Consorcio Agroalimentario de Galicia (Silleda-Pontevedra), Dajosefa, de Fermentos Galegos (Lugo), Fontelas Cremoso, de Piñeiro López Javier (Lugo) e o queixo Teto de Lácteos Anzuxao (Lalín, Pontevedra).
"A semifinal do XIII Gourmetquesos, o Campionato dos Mellores Queixos de España 2023, celebrouse no Hotel Wellington de Madrid e permitiu elixir aos 100 finalistas que pasarán á última fase no 36 Salón Gourmets. Foron seleccionados entre 830 queixos por máis de 60 catadores", sinalan. Haberá que esperar até o vindeiro luns 17 de abril para coñecer ao gañador, que se dará a coñecer no XXXVI Salón Gorumet.
Escribe o teu comentario