O sector lácteo galego rebélase contra a baixada do prezo do leite mentres soben os custos para producila
O Sindicato Labrego Galego convoca este luns unha protesta ante a planta de Lactalis en Vilalba tras coñecer que as industrias propoñen rebaixas de entre 5 e 9 céntimos por litro nos novos contratos, nun momento en que os custos de produción soben polo conflito en Oriente Medio e o campo galego segue perdendo granxas.
As menos de 5.000 granxas que seguen producindo leite en Galicia enfróntanse a unha das crises máis graves do sector nos últimos anos. O que a comezos de xaneiro era unha ameaza difusa —as primeiras propostas de renovación de contratos con prezos notablemente máis baixos— materializouse esta semana cando empresas como Lactalis, Leite Río ou Naturleite trasladaron aos gandeiros as súas ofertas definitivas para os próximos catro meses, con rebaixas que, segundo as organizacións agrarias, oscilan entre os 5 e os 9 céntimos por litro. Para o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (#SLG-CCLL), estas cifras non só carecen de xustificación de mercado, senón que, sumadas á escalada de custos produtivos, sitúan a moitas explotacións directamente por baixo do limiar de rendibilidade.
Ante esta situación, o SLG convocou para este luns 23 de marzo unha concentración fronte á fábrica de Lactalis en Vilalba (estrada de Meira, s/n), a partir das 11:00 horas, con declaracións á prensa previstas para as 11:30 horas. O sindicato chamou á participación de todo o sector, incluídos gandeiros con tractores, subliñando que esta mobilización é só a primeira se as industrias non retiran as súas propostas.
UNHA BAIXADA NO PEOR MOMENTO
O secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez, foi contundente ao valorar as novas condicións contractuais: non existe ningún indicador no mercado que xustifique unha redución do prezo en orixe. Ao contrario, as primeiras poxas de lácteos industriais de Fonterra rexistraron nos últimos meses un incremento medio do 6,3%, e os prezos internacionais de produtos como a nata ou a manteiga seguiron unha tendencia alcista. Para o sindicato, a única explicación plausible das propostas das industrias é que estas pretenden incrementar a súa marxe de beneficio importando leite do exterior a menor custo, ou directamente a expensas dos produtores galegos.
Esta análise coincide co doutras organizacións do sector. OPL e Agromuralla recomendaron aos gandeiros que non asinen os novos contratos, advertindo de que as perdas combinadas de baixada de prezo e subida de custos poderían situar entre 14 e 18 céntimos por litro.
Pola súa banda, ambas as organizacións lembran que Galicia concentra ao redor do 40% da produción láctea nacional e é a primeira comunidade en renovar contratos, polo que os prezos que se acorden aquí marcarán a tendencia para o resto de España nos próximos meses.
A magnitude da baixada sorprendeu ao conxunto do sector. As industrias adiantaran hai dous meses, conforme á normativa vixente, que habería algunha redución, pero matizando que non sería tan pronunciada. A sorpresa chegou esta semana cando Leite Río, Lactalis e Naturleite concretaron descensos de entre 7 e 9 céntimos por litro.
UNHA "TORMENTA PERFECTA"
Á rebaixa proposta nos contratos súmase un agravante de peso: os custos de produción das granxas galegas han subido ao redor de sete céntimos por litro como consecuencia do encarecemento de combustibles, enerxía, fertilizantes e plásticos.
O gasóleo, un dos insumos básicos, pasou en apenas unha semana de 0,80 a 1,60 céntimos o litro, segundo denuncia o SLG. A combinación de ambos os factores —prezos á baixa e insumos á alza— configura o que o sindicato describe como "a tormenta perfecta" para que sigan desaparecendo granxas.
O contexto de fondo é aínda máis preocupante. As compras de leite ao exterior por parte de industrias lácteas galegas aumentaron un 75% durante 2025, unha tendencia que se acelerou nas primeiras semanas de 2026, e que organizacións como Unións Agrarias cualifican abertamente de competencia desleal. Esta organización agraria acusa á industria de elevar as importacións para forzar unha baixada dos prezos en Galicia, e organizou piquetes ás portas de plantas como Leite Celta en Pontedeume ou Inleit en Curtis para verificar a entrada constante de cisternas procedentes de Portugal.
CASE A METADE DO LEITE EN ESPAÑA
O SLG denunciou a situación ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e ante o organismo de competencia, reclamando maior control sobre os custos de produción e a verificación de que os contratos non se asinen por baixo deles. Para o sindicato, a proposta actual incumpre directamente a lei de cadea alimentaria, que prohibe a venda a perdas no sector primario.
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, reuniuse a semana pasada en Santiago con representantes das principais empresas lácteas de Galicia para apelar á "responsabilidade", e asegurou que o Goberno galego está a reforzar os controis sobre a firma dos novos contratos e sobre a entrada de leite doutros países europeos a baixo prezo. Con todo, o SLG considera insuficiente esta resposta e esixe medidas concretas tanto á Xunta como ao Goberno central.
O SLG advirte de que, se esta primeira presión non logra paralizar as baixadas, as mobilizacións continuarán e intensificaranse. En xogo, lembra o sindicato, non está só a viabilidade económica de miles de familias galegas, senón tamén a soberanía alimentaria dunha rexión que produce o 40% do leite de todo o Estado.
Escribe o teu comentario