A Xunta, firme coas axudas na automoción: "Se queren acceder a elas deben manter os seus compromisos"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, respondeu as preguntas de Galiciapress sobre os cambios que se están dando na industria da automoción, co caso recente de Forvia. A Xunta lembra que as empresas que reciben axudas millonarias deben cumprir cos condicionantes para o acceso a ese diñeiro.
A industria da automoción en Galicia mira con lupa todo canto ocorre en Stellantis Vigo, o gran motor do sector na comunidade. Da actividade na planta de Balaídos depende o futuro de moitas compañías, que de maneira transversal fian o seu plan de traballo á carga que chegue na planta da antiga PSA. Con todo, nos últimos meses moitas auxiliares iniciaron procesos de recorte nos seus persoais, con exemplos como o de GKS ou o máis recente de Forvia, onde se enfrontan a un calendario de mobilizacións e onde os traballadores denuncian que é consecuencia da decisión de Stellantis de desprazar produción fóra de Galicia. Todo iso nun contexto no que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central veñen de conceder nos últimos anos axudas públicas millonarias para a rede de auxiliares.
"CONDICIONANTE"
Tras a celebración do Consello da Xunta deste luns, e respondendo as preguntas deste diario, o presidente autonómico, Alfonso Rueda, lembrou en primeiro lugar que Galicia “é, de longo, a comunidade autónoma que puxo encima da mesa máis apoios económicos” para a industria da automoción.
Esta é unha industria cun peso máis que significativo no tecido industrial galego e no PIB da comunidade, xa que representou en 2025 algo menos do 16%. Por iso, o apoio da Xunta é estratéxico en moitos sentidos e hai só un mes, durante o acto de embarque no peirao de Bouzas do vehículo número 15 millóns de Stellantis Vigo, Rueda lembrou que as intencións da Xunta pasan por manter ese apoio a través de medidas concretas como aprobar un plan director específico que, xunto coas liñas extraordinarias de axudas destes últimos anos, sumarán máis de 230 millóns de euros até 2027.
No entanto, as axudas teñen os seus condicionantes, como salientou o presidente, xa que a prioridade é “que se manteñan os miles e miles de postos de traballo” na comunidade. Desde ASIME indican na súa web que, segundo datos de 2024, hai máis de 19.850 galegos empregados neste sector.
“Ese é o obxectivo. Estou seguro de que estas axudas serviron en moitos momentos para que estes mantivésense”, recalcou Rueda, suxeitando o acceso de axudas a “ese condicionante”. “Se deixan de cumprir esa función, ou algunha empresa pretendese acceder a elas pero non manter o seu compromiso de actividade con posto de traballo, loxicamente, non terán dereito a esas axudas”, advertiu.
Escribe o teu comentario