Como de perigosa é a antena que se instalará en Coristanco? Ecoloxistas en Acción responde as dúbidas
O concello coruñés convértese no epicentro do debate sobre a contaminación electromagnética cun encontro que cuestiona a seguridade das instalacións actuais.
O conflito veciñal pola localización dunha antena de telefonía en Agualada escala un novo banzo este venres 30 de xaneiro. Ás 18:00 horas, o local social desta parroquia de Coristanco acollerá un coloquio informativo liderado por Xulio Carmona, quen ostenta a coordinación confederal da área de Dixitalización e contaminación electromagnética de Ecoloxistas en Acción.
A xornada busca dar soporte técnico e científico ás familias da zona que rexeitan o emprazamento da infraestrutura, apelando á necesidade dunha maior protección da saúde pública.
No encontro exporanse evidencias que, segundo os organizadores, pon en dúbida as normativas vixentes. Farase especial fincapé nun estudo de revisión do Servizo de Investigación do Parlamento Europeo, o cal suxire a necesidade de reducir a exposición ás radiofrecuencias. Segundo sostén a organización ecoloxista, os límites legais actuais son insuficientes porque só consideran os efectos térmicos inmediatos, ignorando as posibles patoloxías biolóxicas a longo prazo que foron documentadas en máis de 2.000 publicacións científicas internacionais.
CIENCIA E PRECAUCIÓN
Tanto a Plataforma veciñal como Ecoloxistas en Acción denuncian unha situación de desamparo ante as administracións. Ambos os colectivos solicitaron formalmente á Xunta de Galicia e ao Concello de Coristanco que apliquen o principio de precaución. Argumentan que os estándar de seguridade están cuestionados por entidades de prestixio como a Sociedade Española de Protección Radiolóxica e a Sociedade Catalá de Saúde Ambiental, o que xustificaría unha regulación máis estrita na implantación destas estacións basee.
Escribe o teu comentario