Folga no comercio téxtil da Coruña o 7 de xaneiro, coincidindo co arranque das rebaixas
#CIG e UXT reclaman un acordo "que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal".
Os sindicatos CIG e UXT convocaron folga no comercio téxtil na provincia da Coruña o próximo 7 de xaneiro en demanda dun marco galego "que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal".
Con motivo do paro de 24 horas fixado para o día 7, convocaron unha manifestación desde a praza de Lugo, a partir das doce do mediodía.
Nun comunicado, as centrais sindicais recahzan que o sector estea regulado por un convenio estatal que, apostilan, "reúne peores condicións" e que, engaden, "pretende implantar a patronal ARTE", integrada polas grandes empresas do sector.
Tamén cualifican de "exitosas" as mobilizacións do pasado 10 de decembro e afirman que o empresariado "aceptou na última reunión a prioridade da negociación autonómica".
A CIG explica que, por iso, solicitou, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, "reunións coas patronais provinciais para pactar un acordo marco galego que estableza a prioridade aplicativa dos convenios provinciais", sen ter por agora resposta. A iso, atribúen a nova convocatoria de folga.
Escribe o teu comentario