As últimas granxas de Galicia? O sector lácteo languidece sen substitución: "Se robotiza porque non hai man de obra"

Galicia conta por primeira vez con menos de 5.000 granxas que realizan entregas de leite. O sector, envellecido, non atopa substitución xeneracional, as explotacións minguan e o mercado segue demandando leite, nun momento no que o prezo se sostén. O gandeiro Carlos Dablanca, membro da Xunta Directiva de Agromuralla, explica a Galiciapress as claves deste problema, onde falta unha man de obra que se suple en moitos casos con tecnoloxía, non sempre asumible para os petos do sector primario.


|

Sistema de ordeu00f1o
Foto: RTVE

 

Que foi daquela Galicia que era un país dun millón de vacas? Os datos de Ministerio de Agricultura desdicen esta consideración que se foi transformando co paso dos anos. En outubro de 2025 son 4.987 as granxas que realizan entregas de leite na comunidade, caendo por primeira vez das 5.000. Unha cifra que mergulle a Galicia nunha realidade difícil de asumir para os produtores dunha industria que segue representando o 1,7% do PIB galego e que, aínda hoxe, é un importante dinamizador do rural. 

 

 

Os ÚLTIMOS DA súa ESPECIE?

Na explotación de Carlos Dablanca non teñen moito tempo a parar a pensar nos números, porque hai moito que facer: hai que ordeñar aos animais, alimentalos, limpar os cortellos… Dablanca, membro da Xunta Directiva de Agromuralla, responde as preguntas xunto ás súas vacas, reflexionando sobre a primeira dificultade para manter os miles de granxas que aínda quedan abertas: a substitución xeneracional. 

 

“Non o hai. Cada vez ponnos máis trabas e non hai quen tome a testemuña. Pídenche permisos por aquí e por alá, controis… Non é atractivo para a xente”, explica, considerando que estamos ante o principio do problema, que estalará “dentro de 7, 8 ou 10 anos”. “Eu teño 57 anos. Non teño substitución. O problema vai ser este, porque é un sector moi envellecido, e non sei si será ocupado por xente nova”, lamenta Dablanca cun punto de frustración.

 

A nota positiva é o prezo do leite, porque “nos axuda o prezo, está un pouquiño estable e imos tirando un pouquiño con algo de beneficio”. A pesar de todo, e aínda que o prezo do leite que se pagaba en outubro a 52,4 céntimos por litro aos produtores, esa cantidade segue lonxe da media nacional, establecida en 53,5 céntimos. Todo iso, nun contexto no que o máis do 40% das entregas nacionais teñen a súa orixe en Galicia, facendo que o equilibrio sexa aínda máis difícil de soster nun contexto de peche de granxas.

 

 

“Até agora, as granxas que quedamos fomos capaces de asumir a produción. Houbo xente que dobrou, que mesmo triplicou a produción, pero claro, todo ten un límite”, razoa Dablanca, aventurando que o escenario máis probable a curto prazo é que se experimente un descenso na produción, a pesar de que o prezo se manteña sostido ou á alza. Hai que ter en conta que o prezo do leite sobe a un ritmo máis baixo do que o fan os combustibles ou a enerxía. 

 

 

Os custos encarécense, pero as grandes firmas leiteiras seguen reportando beneficios millonarios, con exemplos como o de Leite Celta, que pechou 2024 con máis de 300 millóns en vendas, ou Clun, con 250 millóns, dúas firmas que vén de unirse nunha alianza histórica que supón un golpe sobre a mesa no sector lácteo. 

 

 

“Galicia viña duns prezos moi baixos. Agora subiron algo e parécenos que estamos na gloria, pero tampouco é así”, advirten desde Agromuralla. No entanto, non esconden o seu alivio ao ver que, coas subidas do leite, “agora estamos moito mellor”, pero lembrando sempre que “a nivel nacional sempre estamos moi por baixo”.

 

“Creo que isto tamén é unha maneira de que a xente non quede aquí. Calquera empresa teñen que ter, mínimo, entre un 10 ou un 20% de beneficio. Se non, non resulta rendible, porque hai que cambiar os tractores, as naves de ordeño… Por iso hai un prezo, e ten que ser razoable para asumir esas renovacións”, detalla Dablanca, que insiste en que atopar man de obra no rural segue sendo o principal impedimento para crecer, xa non só por unha cuestión económica, senón polo feito de que se conxugan outros problemas, como o da vivenda, que tamén calou no interior galego.  

 

A TECNOLOXÍA, O RECURSO ANTE A ESCASEZA

“Se te fixas, en cuestión de cinco anos, unha chea de gandarías, sobre todo pequenas, hanse robotizado. Mesmo con obras grandes, metendo sistemas de ordeño”, abunda Dablanca sobre as alternativas que están a atopar as explotacións para facer fronte á falta de man de obra. Ademais, a pouca man de obra que hai non está cualificada, un problema que relaciona con outros oficios, como a carpintaría, a fontanaría ou a construción: “Temos aquí algunha obra e levamos mes e medio esperando polos albaneis. É que non hai. Non hai nada”. 

 

 

“A xente que vén hai que formala. Hai que ensinarlles todo, e se cadra unha vez que as formas, son persoal inestable, que veñen por aquí un ano e ao terceiro ou cuarto vaise. E imos camiño a que en dez anos xubilarase un terzo do sector”, reitera. A esperanza, en moitas ocasións, vén de fóra, xa sexa con traballadores inmigrantes ou, mesmo, con menores migrantes procedentes dalgún centro, cos problemas que isto pode supor porque “algún non viu unha vaca na súa vida”.  

 

“Costa formalos. E hai que formalos moi ben porque están a traballar con animais vivos e hai moitas cousas nunha granxa que se che poden escapar, co risco de que ese traballador se vaia pasado medio ano e teñas que volver empezar. Por iso moitos están a apostar por robotizar as súas explotacións e recorrer nos traballos de campo a empresas de servizos. Porque non queda outra”, resolven desde Agromuralla. 

 

A necesidade de contar con persoal é urxente, porque, aínda que en ocasións o esquezamos, as vacas comen todos os días, polo que fai falta un maior compromiso e un esforzo maior. “Sen robótica hai que ordeñar mañá e tarde. Se cadra tes tres ordeños e xa complícache a vida. Iso é cada 12 horas. Como fas para encaixar un bolseiro con estes horarios? Non é atractivo o traballo aquí. A xente prefire traballar as súas 8 horas, marchar e esquecer dos problemas até o día seguinte”, subliña Dablanca.  

 

 

A cuestión é que o salto tecnolóxico non é asumible para todas as explotacións. “Con cinco robots vasche por encima dos 600.000 euros”, cifra Dablanca, unha cantidade que en moitos casos só é accesible coas axudas públicas. O desembolso faise, ademais, coa idea de que sexa duradeiro, pero si non hai canteira, ninguén quere afrontar ese dispendio. “Se alguén se vai a quedar, anímasche e pides un préstamo. Pero si sabes que che quedan seis anos non te complicas a vida”, agrega.

 

Vacas galicia
Foto: EP

 

Outro elemento a ter en conta son as sentenzas polo Cártel do leite. “Se empezan a chegar sentenzas favorables, xente con 60 anos irase xa. Isto non é como criar coellos ou porcos, que podes ir un par de horas ao día. Aquí son os 365 días e case as 24 horas, con saraiba, con choiva, levantándoche de madrugada da cama ante calquera contratempo…”, relata. 

 

A PRESIÓN DA PAC

O panorama que se presenta é cada vez máis complicado, a pesar de que desde Agromuralla reivindican o peso deste sector na economía galega, á altura da planta de Stellantis en Vigo ou Inditex. Os gandeiros parecen sempre nun discreto segundo plano, sen considerar que, ademais de ser un motor económico, “facemos un ben ao medioambiente, á paisaxe, damos traballo a moita xente, con todos os veterinarios que hai, os enxeñeiros… hai moita xente que depende de nós”.

 

 

“Se cae a gandaría, moitos sectores morren”, sosteñen desde Agromuralla, que á vista do contexto actual, tratan de remediar moitos dos problemas que afrontan nas granxas, moitos deles relacionados coa gran carga burocrática que teñen que realizar, enterrando ás explotacións en papelorio. “As axudas teñen que ser máis sinxelas”, reivindica Dablanca, que renega do sistema da PAC, que entende como unha forma de presión para o colectivo.

 

 

“É un antipacto. Preferiría que pagasen o leite ao que corresponde realmente e que me deixasen en paz coa PAC. O que fan é chantajearnos e ameazarnos con sancións se non está todo ao seu gusto. Non queremos iso. Queremos traballar e producir leite de calidade sen que anden tocándonos os narices”, gabia. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE