Descontrolado o macroincendio de Chandrexa na peor vaga de incendios deste ano
Xinzo de Limia, A Gudiña, Sarria, Vilariño de Conso, A Estrada e Catoira son só algúns dos lumes forestais das últimas horas. Os máis preocupantes son o de Chandrexa, pola súa enorme extensión, e o de Monfero, polo impacto en As Fragas do Eume.
Galicia atravesa un dos episodios máis graves da tempada de incendios con Chandrexa de Queixa (Ourense) como epicentro. O lume, declarado o pasado venres na parroquia de Requeixo, continúa fóra de control e calcinou máis de 1.000 hectáreas de superficie forestal, o que o converte no incendio máis devastador no que vai de 2025 na comunidade.
A magnitude do incendio obrigou a un despregamento sen precedentes no que vai de verán. Nos labores de extinción participan 12 helicópteros, 10 avións, 34 motobombas, 66 brigadas, 40 axentes forestais, seis pas, catro unidades técnicas de apoio e 12 técnicos. A pesar do esforzo coordinado, a complexidade do terreo e as condicións meteorolóxicas adversas dificultan as tarefas e acrecentan o risco de que o lume se estenda a zonas poboadas, aínda que por agora non se rexistraron evacuacións neste núcleo.
Onda de incendios en Ourense
A provincia de Ourense concentra ademais outros focos activos que esixen actuacións urxentes. En Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, o lume declarado o domingo ás 17:30 horas consumiu xa 120 hectáreas. Neste caso, traballan sobre o terreo catro avións e un helicóptero, ademais de persoal de extinción a pé e con motobombas.
En Maceda , parroquia de Castro de Escuadro, o incendio que comezou o sábado quedou estabilizado desde as 23:37 horas do domingo, despois de que o sábado obrigase a evacuar a veciños ante a proximidade das chamas á aldea de Teixeira. A Situación 2 —que se aplica cando un lume supón perigo para poboacións— xa foi desactivada, pero o balance é grave: 400 hectáreas calcinadas. A Xunta de Galicia subliñou a "clara intencionalidade" deste lume, que se iniciou de forma simultánea en cinco ou seis puntos distintos.
En Padrenda , tamén en Ourense, mantense baixo control o incendio declarado na noite do venres na parroquia homónima. O lume, controlado desde a madrugada do domingo, queimou 40 hectáreas.
Destrución en zonas protexidas
Fóra de Ourense, a provincia da Coruña rexistrou un incendio de especial preocupación pola súa localización: o parque natural de As Fragas do Eume. O lume, activo no municipio de Monfero, parroquia de Queixeiro, comezou o domingo pola tarde e obrigou a desaloxar o mosteiro de Caaveiro pola proximidade das chamas. Desde as 20:28 horas do domingo atópase estabilizado, aínda que arrasou cinco hectáreas dun espazo natural de alto valor ecolóxico.
Na provincia de Pontevedra, o municipio da Estrada loita contra outro incendio na parroquia de Souto, estabilizado desde as 22:10 horas do domingo, que calcinou 20 hectáreas desde que se iniciase o 10 de agosto ao mediodía.
Por último, na provincia de Lugo continúa controlado o incendio da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que desde o pasado martes queimou 150 hectáreas.
Galicia, en alerta máxima
A vaga de incendios que afecta a Galicia nestes días acendeu todas as alarmas nas autoridades autonómicas e locais. A Xunta mantén unha coordinación constante cos servizos de emerxencias, as brigadas de extinción e os corpos de seguridade. O obxectivo prioritario é impedir que as chamas alcancen núcleos habitados ou zonas de especial valor medioambiental.
No caso de Chandrexa de Queixa, trátase dun incendio de gran complexidade pola orografía da zona, que combina monte baixo con masas forestais densas, e con accesos limitados para a maquinaria pesada. As térmicas de calor que se xeraron dificultaron mesmo a operatividade de medios aéreos nalgúns tramos do día, segundo fontes do operativo.
A intencionalidade detectada en casos como o de Maceda pon de novo no centro do debate a acción dos incendiarios e a necesidade de reforzar a vixilancia preventiva, especialmente en xornadas de calor extrema e vento cambiante que poden converter un conato nun incendio de grandes dimensións en cuestión de minutos.
A devastación que estes lumes deixan ao seu paso afecto non só á masa forestal senón tamén á fauna autóctona, en particular especies protexidas presentes en parques naturais e áreas protexidas. En zonas como As Fragas do Eume, onde o incendio afectou a un hábitat de gran biodiversidade, a recuperación da vexetación e a fauna será lenta e dependerá das condicións climáticas dos próximos meses.
Escribe o teu comentario