Adxudicada pola Xunta a redacción de proxectos para construír 129 novas vivendas de promoción pública
O goberno galego ha lembrado nunha nota de prensa que todos os adxudicatarios disporán dun prazo de dous meses para a redacción do proxecto básico e tres meses máis para a execución
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou na reunión do Consello de Administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, que deu conta da adxudicación da redacción dos proxectos para a construción de 129 vivendas de promoción pública na Estrada, Lalín, Teo e A Coruña.
En relación ao concello da Estrada, o consello de Vipugal autorizou a adxudicación á UTE Garitaonaindia-Amenedo o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 28 vivendas, na parcela cedida polo municipio situada na Avenida de Vigo.
O importe de adxudicación será de 205.666,63 euros con IVE incluído e a estimación do investimento total nesta obra é de 5,3 millóns d euros.
No concello de Lalín construiranse 17 vivendas de promoción pública nunha parcela emprazada na Rolda Lesche-Campo de Lalín de Arriba. A redacción do proxecto e dirección de obra será adxudicada a Germán Gómez Espejo por importe de 118.580 euros e a estimación do investimento total nesta obra é de 3,3 millóns de euros.
Tamén se autorizou a adxudicación da redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 26 vivendas de promoción pública no solo cedido polo concello de Teo na zona de As Galanas. Este contrato será adxudicado a Sabin-Branco Arquitectos S.L.P. por importe de 207.116,91 euros e a estimación do investimento total nesta obra é de 4,9 millóns de euros.
Finalmente, o proxecto para a construción de 58 vivendas na parcela 5D dos Rosais, na Coruña, será adxudicado á UTE Naves 04 Arquitectos - Manuel Vázquez Molino por importe de 369.050 euros. A estimación do investimento total nesta obra é de 11 millóns de euros.
Con todo, a Xunta lembrou nunha nota de prensa que todos os adxudicatarios disporán dun prazo de dous meses para a redacción do proxecto básico e tres meses máis para a execución.
Escribe o teu comentario