Axudas da Xunta para a promoción de Festas de Interese Turístico de Galicia
Estas son axudas de concorrencia non competitiva polo que aceptarán as solicitudes por rigorosa orde de entrada no rexistro electrónico da Xunta
O Diario Oficial de Galicia (#DOG) publicou a nova convocatoria das axudas para a promoción das Festas de Interese Turístico de Galicia para as que Turismo de Galicia destina un total de 500.000 euros e que suporá un apoio de 4.000 euros para cada festividade beneficiaria. O prazo abrirase o vindeiro mércores 11 de xuño.
Estas son axudas de concorrencia non competitiva polo que aceptarán as solicitudes por rigorosa orde de entrada no rexistro electrónico da Xunta.
Os interesados poden formalizar a súa solicitude a partir do mércores 11 de xuño ás 00.00 horas até o 11 de xullo ás 23.59 horas.
Poderán ser beneficiarios os concellos galegos nos que se celebren durante este ano 2025 festas de interese turístico de Galicia, que a actualmente superan as 140, e só poderase conceder unha axuda por concello.
As actuacións subvencionables poderán conseguir un máximo de axuda de 4.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os gastos non consigan os 4.000 euros, a contía da axuda será, como máximo, o importe destes.
Con esta convocatoria buscan potenciar as festas co recoñecemento de interese turístico de Galicia e contribuír a parte dos investimentos directamente vinculados a elas.
Así, sufráganse, entre outros, gastos vinculados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación e, entre outros, actuacións artísticas.
No caso de celebracións de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.
Escribe o teu comentario