Garantida a poxa de gando en Silleda mentres a Xunta avala o sistema dixital
O goberno galego dá o visto e prace á poxa dixital porque axiliza o traballo e garante o correcto acceso á información tanto aos vendedores como aos compradores
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asegurou que a poxa do próximo marte no recinto feiral de Silleda celebrarase con total normalidade e avala a implantación do novo sistema dixital.
Así o fixo durante unha visita ao recinto feiral de Silleda e, en concreto, a nave onde se celebra a poxa semanal de tenreiros de recría.
Alí, comprobou o funcionamento do novo sistema dixital de traballo implantado pola dirección da Feira de Silleda e confirmou o seu apoio á implantación desta nova tecnoloxía porque axiliza o traballo e garante o correcto acceso á información tanto aos vendedores como aos compradores.
Tras revisar as instalacións e os espazos onde os animais esperan polo final do comprado e falar sobre posibles melloras cos responsables da súa organización, Diego Calvo transmitiu unha mensaxe de tranquilidade ao sector, tanto no que respecta aos compradores como aos gandeiros e mesmo aos transportistas.
Neste sentido, animou os criadores a levar os seus animais ao mercado semanal, onde haberá compradores para os seus animais e onde poderán conseguir os mellores prezos.
"Esta semana mantivemos unha reunión co grupo de compradores críticos co novo sistema de traballo en Silleda, e presentaron á Xunta unha serie de melloras na feira que nós, por suposto, imos estudar e implantar na medida das nosas posibilidades", asegurou o conselleiro.
Escribe o teu comentario