O Sindicato Labrego Galego esixe a Medio Rural que interveña ante a crise na poxa de gando de Silleda
O episodio vivido o martes afecto aos gandeiros de maneira directa nos seus petos, ao obrigalos a manter en corentena aos animais que ían ser vendidos e a seguir alimentándoos.
O vivido o pasado martes no mercado de Silleda non ten precedente na longa historia desta tradicional poxa de gando. Coa intención de modernizar o sistema de poxas na Central Agropecuaria de Galicia, os promotores trataron de actualizar o sistema empregando unha aplicación electrónica. Esta innovación non foi ben acollida por compradores e vendedores, chegando o conflito a escalar até o punto de que foi necesaria a intervención da Garda Civil no lugar cando os ánimos estaban moi caldeados entre os gandeiros.
GASTO EXTRA
Nun colectivo onde aínda existe unha evidente fenda dixital, a medida espertou moitos receos e xa son varias as voces que piden darlle unha volta a este novo sistema. Entre elas, está o Sindicato Labrego Galego, que teme que a próxima semana, por terceira vez consecutiva, non poida celebrar a poxa ante a oposición duns e outros por que sexa 100% dixital.
O sindicato reclama á Consellería de Medio Rural que "interveña" de maneira "urxente" para solucionar o conflito. "Solicitamos que a Consellería trate de maneira urxente este tema e poña unha solución, chéguese a un acordo entre tratantes e dirección e, no caso contrario, que o diga antes, para que a xente o saiba con claridade", denuncia Isabel Vilalba, secretaria xeral do sindicato.
Desde SLG subliñan que o problema non afecto só aos gandeiros, senón tamén aos animais, xa que o pasado martes ao redor de 300 tiveron que volver ás súas casas, algo que "non é habitual", xa que o lóxico é que, tras a poxa, as reses "vaian ao seu segundo destino". Este feito o que engordará é a conta de gastos dos afectados.
"O feito de que veñan de volta para as casas supón que teñan que facer corentena, xa que así indican as persoas veterinarias, porque estivo en contacto con outros animais e deben estar illados, ademais de que as gandeiras e os gandeiros van ter que seguir alimentándoos. Entón, a parte dos custos de trasponerte ao mercado, hai que sumarlle estas dúas cuestións", interpertan.
Escribe o teu comentario