“Hai que intervir a vivenda, o acaparamento pode derivar en oligopolio”
Se hai leis contra os oligopolios en servizos básicos, como a luz, por que non os hai na vivenda, un ben fundamental ao que non poden acceder moitas persoas debido, en parte, á especulación desatada por uns poucos? Esta é unha das cuestións que expón a recentemente presentada Plataforma Galega Vivenda Xa!. As vivendas turísticas, a declaración de zonas tensionadas e o papel dos fondos de investimento son outro dos temas que falamos con Iria Nande, unha das portavoces da plataforma.
A Plataforma denunciou a escalada de prezos da vivenda en Galicia, especialmente notable nas grandes cidades como A Coruña, Vigo e Santiago. Que influencia real teñen os pisos turísticos neste encarecemento, segundo os vosos estudos? Creedes que a presión turística é un factor decisivo ou hai outras causas igual de relevantes?
Para nós resulta evidente que a explosión das vivendas de uso turístico en Galiza é un dos factores explicativos dos fortes incrementos nos prezos da vivenda. Destinar inmobles para exercer o papel do parque hoteleiro reduce a oferta de pisos en alugueiro tradicional, o que acaba derivando na suba dos prezos. Nas vilas e cidades máis turísticas do país, que existan máis “VUT” que vivendas en alugueiro tradicional é case a norma.
A vivenda é sobre todo un dereito, e que en zonas onde o negocio turístico ou a especulación chegou demasiado lonxe é necesario actuar
O prezo medio da vivenda en cidades como A Coruña ou Santiago xa supera os 1.700 €/m². Defenden que se establezan límites de prezo no aluguer, como se fixo en zonas tensionadas de Barcelona? Non podería isto deter a inversión en vivenda?
A declaración de zona tensionada é unha medida que pode axudar a aliviar o problema de accesibilidade á vivenda en determinadas zonas onde o problema é especialmente grave, xa que habilita aos concellos a implementar medidas específicas. O importante é destacar que a vivenda é sobre todo un dereito, e que en zonas onde o negocio turístico ou a especulación chegou demasiado lonxe é necesario actuar. A inversión en vivenda non ten por que deterse e, en calquera caso, a inversión en vivenda pública debe incrementarse.
Denuncian que a Xunta "rexeita mobilizar a vivenda baleira". Como valoran iniciativas doutras comunidades, como a aplicación da Lei de Vivenda de Euskadi, que penaliza os inmobles desocupados? Sería viable un modelo semellante en Galicia?
A normativa vixente permite mecanismos para penalizar a aqueles inmobles que estando en condicións de habitabilidade non saen ó mercado e tamén para incentivar e favorecer que aqueles que non están no mercado polas malas condicións sexan reformados. É completamente factible que os diferentes niveis de goberno leven a cabo esas medidas en Galiza. O que non hai é vontade de actuar!
O sector da vivenda, convertido actualmente nun mercado salvaxe, precisa dunha regulación que concilie os intereses de todos, mais sobre todo dos que están a padecer a privación do seu dereito básico
Que lle responderíades aos que argumentan que as medidas intervencionistas no mercado da vivenda o que provocan é que os propietarios collan medo e saquen as súas vivendas do mercado de alugamento?
Os mercados, en calquera sector, teñen as súas regulacións con vistas a garantir os dereitos das partes participantes no mesmo, e non por iso desaparece o produto ou servizo. O sector da vivenda, convertido actualmente nun mercado salvaxe, precisa dunha regulación que concilie os intereses de todos, mais sobre todo dos que están a padecer a privación do seu dereito básico a ter un fogar. A quen ten unha segunda ou terceira vivenda dedicada ao alugueiro non lle vai interesar retirala do mercado, e as medidas de intervención poden ir acompañadas de incentivos para que isto sexa así. Outra cousa é se falamos de fondos ou grandes empresas que si poden xogar a grande escala cunha artificial escaseza de vivenda, pero contra estes actores do mercado cremos que a intervención debe ser máis contundente e con menos ambaxes.
A Plataforma nace da alianza de colectivos sociais. Que sectores (universidades, sindicatos, veciñais...) están xa implicados? Como pretenden sumar á cidadanía máis aló das redes?
Na Plataforma participan colectivos de toda índole preocupados polo problema da vivenda, falamos de asociacións de veciños, asociacións xuvenís, organizacións estudantís, sindicatos, etc. Sería longo enumeralos aquí. Non obstante, a Plataforma está aberta á incorporación de novos colectivos e desde aquí convidamos a aqueles que desexen contribuír á resolución deste problema que se adhiran.
O INE sinala que o 22,3% das vivendas vendidas en Galicia en 2024 foron adquiridas por fondos de investimento. Como afecta esta tendencia ao acceso á vivenda? É posible prohibir legalmente a súa actividade, como propoñen?
Os enormes beneficios do sector financeiro, cada vez con máis peso na economía, teñen que canalizarse cara algún sitio. A vivenda revelóuselles como un investimento seguro e lucrativo, mais a costa do conxunto da cidadanía. Isto está conducindo ao acaparamento por parte de poucos dun ben esencial, podendo chegar a unha situación de oligopolio. Cando se dá esta situación noutros sectores sempre se considera conveniente intervir. Nós cremos que este tipo de empresas deben ter moi limitada a súa participación neste sector.
Entre as vosas propostas está a creación dun programa de vivenda pública con prezos taxados e a mobilización da vivenda baleira. Cales son as próximas actividades previstas pola Plataforma para presionar á Xunta e aos concellos neste sentido? Tendes algunha acción concreta programada a curto prazo?
En primeiro lugar queremos continuar a socializar a creación desta Plataforma e das súas demandas, á vez que seguimos sumando colectivos. Vemos que está tendo unha enorme acollida e isto é unha mensaxe, tamén para ás autoridades, de que a sociedade quere un cambio. Porén, temos intención de facer chegar as nosas propostas directamente á Xunta, aos concellos e aos grupos parlamentarios, sen descartar accións na rúa que con carácter simbólico sinalen o foco do problema.
Escribe o teu comentario