Axudas PEL da Deputación da Coruña 2025: abre o prazo con marca de orzamento
A Deputación da Coruña dispara a súa aposta contra o despoboamento: 8,66 millóns en axudas para emprego rural, autónomos e pemes, con prioridade para as zonas de Transición Xusta. O prazo arrinca este mércores .
A Deputación da Coruña activou o prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local (PEL) 2025, que este ano alcanza un orzamento histórico de 8,66 millóns de euros, un 5% máis que en 2024. As liñas de financiamento, dispoñibles até o 17 de marzo a través da plataforma SUBTeL, divídense en tres eixos: contratación en pemes, investimentos para pequenos negocios e apoio a autónomos.
Prioridade aos municipios de Transición Xusta
Como novidade, este ano darase preferencia a empresas situadas nos municipios das zonas das Pontes e Meirama, adheridas a convenios de Transición Xusta.
Zona das Pontes :
- Cabanas
- A Capela
- Cerdido
- Mañón
- Moeche
- Monfero
- Ortigueira
- As Pontes
- San Sadurniño
- As Somozas
Zona de Meirama:
- Carral
- Cerceda
- A Laracha
- Ordes
- Tordoia
O obxectivo é impulsar proxectos que xeren emprego en áreas afectadas pola reconversión industrial. Ademais, o PEL-Autónomos incrementa o seu orzamento un 20%, até 1,2 millóns, eliminando o requisito de antigüidade para acceder a até 2.400 euros en axudas.
Valentín González Formoso, presidente da Deputación, destacou que o PEL é "un motor para o emprego rural, clave para fixar poboación". Subliñou que o 55% do orzamento (4,7 millóns) destinarase a subvencionar contratacións en pemes, mentres que 2,76 millóns financiarán investimentos en municipios de menos de 10.000 habitantes. As empresas poderán acumular axudas até 45.900 euros se combinan liñas.
Coworking: un modelo único contra o despoboamento
Formoso tamén puxo en valor a Rede de Centros Coworking, que apoiou a 260 emprendedores con tutorías especializadas. Este programa, cualificado como "único en España", organiza espazos por sectores para fomentar sinerxías.
Doutra banda, a liña PEL-Pemes cubrirá até o 70% do salario en novas contratacións (15.000 euros máximos) e un 50% para manter empregos indefinidos vinculados a colectivos vulnerables, cun orzamento de 1,2 millóns. Hai tamén axudas para o mantemento dos postos de traballo creados o ano pasado grazas a esta liña de subvencións.
Autónomos e microempresas, eixo do rural
Os municipios de menos de 10.000 habitantes concentrarán parte dos esforzos: á liña PEL-Emprende investirá 2,76 millóns en equipos ou maquinaria para microempresas, con subsidios de até 17.500 euros. A institución insiste na nota de prensa de presentación que estas medidas buscan "frear o despoboamento e modernizar o tecido produtivo".
Escribe o teu comentario