Black Friday: Galicia gastará un 8% máis que a media nacional
O 63% declara que aproveitará este período para adiantar algunhas das compras para os agasallos do Nadal, o que supón un aumento de sete puntos respecto ao ano anterior, pero é unha porcentaxe inferior á media española, do 77%.
O gasto medio previsto polos galegos no próximo Black Friday sitúase en 301 euros, un 9% máis que a intención prevista en 2023, que era de 275 euros e unha cifra un 8% superior á media española, de 280 euros, segundo o Observatorio Cetelem, que publica o 'Zoom de intención de compra' nese período.
Segundo o estudo, realizado a partir de mil enquisas online, o 72% dos galegos ten intención de facer compras este Black Friday. O 63% declara que aproveitará este período para adiantar algunhas das compras para os agasallos do Nadal, o que supón un aumento de sete puntos respecto ao ano anterior, pero é unha porcentaxe inferior á media española, do 77%.
Internet segue sendo a canle preferida para realizar estas compras, cun 56% das mencións, catro puntos máis que en 2023, mentres que un 33% realizará as súas adquisicións tanto en tenda física como en internet e só un 11% sinala que acudirá unicamente a tenda física.
Os produtos máis demandados son, de novo, os de moda e calzado e complementos, cun 64% das mencións en ambos os casos. Os seguintes produtos e servizos máis demandados son os deportivos, cun 35%, e os de saúde e beleza, cun 34% das mencións.
Cetelem é especialista en crédito ao consumo, préstamos persoais e xestión de cartóns. Opera en España desde 1988, onde conta actualmente con máis de 1.500 empregados e 3,5 millóns de clientes.
Escribe o teu comentario