Aquí non hai quen viva: os altos prezos e alugueres da vivenda en Galicia
Os prezos das vivendas e os alugueres soben de forma imparable nas cidades de aquí e de toda Europa, aínda que con excepcións. Con todo, no caso galego os alugueres e prezos incrementáronse de tal forma nalgunhas cidades que se está volvendo imposible vivir nelas para moitos e moitas cidadás. Detrás deste comportamento existen intereses especulativos que impiden a saída ao mercado de vivenda nova ou xa construída
A vivenda está polas nubes, sexa para comprar ou para alugar, e isto afecto a familias enteiras que ven obrigadas moitas veces a abandonar determinadas áreas das cidades onde viven. A solución máis factible é trasladar ás periferias co que a súa calidade de vida en canto a tempo de descanso e outras cuestións vese mermada. E é que segundo a cidade onde se viva, os prezos son prohibitivos para a maioría. Un estudo realizado polo comparador Sen Comisións estableceu un ranking das cidades galegas cos prezos máis accesibles e os menos.
O PROBLEMA DOS PREZOS
Gabriel Rodríguez e o seu colega Miguel Otero realizaron un estudo sobre a accesibilidade mediante compra ou aluguer dunha vivenda nas diferentes cidades galegas. “Realmente buscabamos denunciar a mala situación da vivenda en toda Europa mediante vivendas vacacionais ou a explotación desas vivendas con formas pouco lícitas”. Actualmente, as parellas novas téñeno complicado e por iso moitas se hipotecan. Doutra banda, os mozos que viven sós téñeno máis complicado debido aos baixos salarios cos que deben facer fronte, polo menos, aos alugueres.
“Existe un grave problema de acceso a unha vivenda digna en Galicia cos actuais salarios, e por vivenda digna falamos de 80 metros cadrados” di Gabriel Rodríguez. E é que cidades como A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo volvéronse imposibles para vivir e todo motivado pola especulación ao redor do aluguer turístico. “Na Coruña, por un piso preto da praia de setembro a maio podes alugalo a partir de 600 euros, pero de xuño a agosto en dúas semanas podes sacarlle tres ou catro veces máis”.
Segundo os datos manexados por Sen Comisións, A Coruña é a cidade galega máis cara en canto ao mercado de vivenda. O metro cadrado supera os 2.600 euros en contraste cos 950 de Ferrol. Unha vivenda de 80 metros cadrados pode roldar os 212.000 euros na cidade herculina e en Ferrol en 76.000 euros. A segunda cidade máis cara é Santiago de Compostela con vivendas a 195.000 euros e a terceira urbe é Vigo con case 190.000. “Sorprendeunos Lugo que en moi pouco tempo foi escalando en prezos superando os 100.000 euros por vivenda” di Rodríguez.
QUE SOLUCIÓNS PODE HABER?
“A xente ten medo, sobre todo os construtores, algo comprensible despois da crise de 2008” declaran de Sen Comisións. Constrúese pouco, as promocións son pequenas e isto tamén afecto á vivenda de promoción pública. Doutra banda, os bancos son propietarios de “numerosas vivendas” que agora mesmo están buxán e non sacan á venda ou non conseguen vender.
Isto último pódese explicar pola subida dos tipos de interese o que inflúe na baixada do número de hipotecas solicitadas. En caso de pedir unha hipoteca o habitual é a 30 anos xa que tanto os aforros para a entrada como os salarios para pagar as mensualidades non son suficientes.
No caso de buscar solucións unha delas sería obrigar aos bancos ou aos fondos de investimento propietarios de “centos ou miles” de vivendas buxán, polas no mercado. Pero a cuestión é que non é tan fácil porque para iso sería necesario a creación dun marco xurídico apropiado que obrigase a vender a partir dun determinado número de vivendas en propiedade.
Outra solución é buscar oportunidades fóra do espazo urbano, cada vez máis caro, sobre todo en áreas como son os centros históricos agora mesmo obxecto de gentrificación. Ir a vivir aos arrabaldes, ás áreas suburbanas ou mesmo a outros concellos con prezos máis alcanzables, pode ser unha saída, pero a cambio a calidade de vida das persoas reséntese. Menos tempo en casa, máis tempo de ida e volta do traballo, prezos dos combustibles e transporte público son elementos que restarían tempo libre á xente.
En tal caso, as mobilizacións sociais parecen estar a mostrar con relativa forza o malestar por todo o que sucede coa vivenda. De todos os xeitos, a necesidade de cambios lexislativos e políticas garantistas coa vivenda parecen ser os métodos máis efectivos en caso de abrir vivendas buxán para a maioría.
Escribe o teu comentario