Os novos impostos estatais deixan un buraco en Sogama de 18 millóns de euros

A empresa pública recalca que, aínda coas actualizacións, o canon será o máis barato de Galicia e do conxunto de España.


|

Sogama
Foto: Sogama

 

 

A reunión deste xoves entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e a empresa pública Sogama, presidida polos mandatarios das dúas institucións, Alberto García e Javier Domínguez, serviu para pór en común as dificultades que está a atravesar Sogama, lastrada polas decisións do Goberno central e que están a provocar unhas perdas económicas que, só o ano pasado, ascenderon por encima dos 18 millóns de euros. 

 

9,1 MILLÓNS DE DESEMBOLSO

O impacto nas contas do imposto estatal á vertedura e á incineración foi claro e obrigou á entidade a tomar medidas como aplicar unha lixeira subida do canon, algo que non gustou a algúns municipios. Trátase, como detallan desde Sogama, dunha respusta ás medidas estatais e a solución máis óptima para o correcto mantemento do servizo, inasumible sen este pequeno incremento. 

 

No encontro, no que tamén participou o secretario xeral técnico e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública, David Cabañó, cifrouse, só no imposto á vertedura e á incineración, nun desembolso de 9,1 millóns de euros en 2023 para Sogama. A pesar de todo, Galicia, durante a tramitación da Lei de Residuos e Solos Contaminados, foi unha das comunidades que alegou en contra deste imposto, un elemento ao que hai que engadir a eliminación da retribución que viña recibindo Sogama e "outras medidas que tiveron un impacto notable nas contas da empresa, como a recuperación do imposto estatal do valor da enerxía eléctrica ou a diminución da retribución da planta de cogeneración de Cerceda". 


Domínguez calculou o incremento do servizo en 39 euros por tonelada, "un sobrecusto que no último ano e medio asumiu, con fondos propios e en solitario, a empresa pública". "Ante esta situación, insosteible por máis tempo, propúxose que o importe medio a pagar este ano polos 295 concellos que envían os seus residuos a Cerceda quede fixado en 66 euros por tonelada, descontada xa a achega que fará a Xunta a estes municipios a través do Fondo de cooperación local adicional e que se traducirá nun desconto de 12 euros por tonelada", indica o comunicado da Consellería de Miedio Ambiente e Cambio Climático.

 

O abono destes fondos, informou Cabañó, farase mediante un pago único que se distribuirá en función da poboación de cada municipio, efectivo a partir de leste mesmo mes de xullo. A partir de aí "Sogama retomará a facturación mensual pola xestión e o tratamento dos residuos urbanos que realizou no primeiro semestre de 2024, propiciando deste xeito que as administracións locais dispoñan destes fondos no momento en que teñan que abonar as facturas correspondentes". 
 

RESPOSTA FINAL A MEDIADOS DE MES

Non se trata dunha decisión definitiva a da actualización, proposta presentada a finais de xuño e sobre a que haberá un pronunciamiento a mediados deste mes despois de atender a todos as alegacións, que se poden presentar até o 11 de xullo. 

 

"O Consello de Administración de Sogama volverase a reunir o próximo 17 de xullo para facer a súa proposta á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que, previo informe do departamento de Facenda e Administración Pública, será a que aprobe o novo canon para este ano", apostilan, sendo, pase o que pase, o canon máis barato de Galicia e do conxunto estatal, "mesmo despois de aplicada a actualización".
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE