Os restauradores apelan á idiosincrasia española para manter os horarios actuais

A ministra de Traballo remexeu as augas da restauración española cando falou da posibilidade de reducir horarios laborais no sector. Entre outros argumentos, Yolanda Díaz aludía ás diferenzas entre España e a maioría de países da UE. Desde o sector responden que é esa diferenza o que fai atractiva á restauración española e axudou a transformar ao país na segunda potencia turística do mundo.


|

Hostalaru00eda 2
Hostalaru00eda 2

A ministra de Traballo e vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, levantou a polémica o luns 4 de marzo ao sinalar as diferenzas de horarios laborais entre a restauración española e os demais países europeos. Díaz aludía ás xornadas estendidas máis aló da media noite, ás veces varias horas. Así, a ministra deixou caer a idea dunha regulación para este tipo de locais. As críticas non esperaron e así, a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso respondía nun tweet: “É que somos diferentes” e describía a vida nocturna en España como a mellor do mundo. Yolanda Díaz respondía tamén na rede X finalizando cun: “Que a xente traballe para vivir e non viva para traballar”. Pero deixando ao carón as diferenzas entre as dúas políticas, o sector da restauración en toda España non está moi convencido das propostas realizadas pola ministra Díaz.


 

CUESTIÓN DE IDIOSINCRASIA

As diferenzas horarias en restauración con respecto ao resto de Europa débense a que “funcionamos de maneira diferente, a xente acaba tarde no seu traballo e nós ofrecemos un servizo que ás veces pode demorarse porque o costume é cear tarde” sinala Héctor Cañete, presidente da Asociación de Hostaleiros de Galicia. “A proposta da ministra non se adapta aos nosos costumes e idiosincrasia” apunta Sara Santos, presidenta de Hostalería Compostela. “Temos unha restauración atractiva e unha oferta de actividade que nos caracteriza e iso é o que ofrecemos”.
 

A sensación que transmite a restauración galega é a dun Goberno con desexo de prohibir determinados horarios laborais. “As cousas non se solucionan prohibindo. O convenio colectivo xa regula a nocturnidade, as horas extra e horarios en xeral” destaca Cañete. “Se se materializa esta proposta veremos redución de salarios e a máis xente no paro cando nestes momentos somos nós quen empuxo a economía” di Santos.

 

“Debemos dar o servizo que demanda a xente” insiste Cañete quen ve detrás da proposta de Yolanda Díaz “un gusto polo 'ordeno e mando' e faio con todas as normas que está a sacar, sen pactos con empresarios”. Sara Santos pola súa banda considera que estamos ante outra mostra do desexo da ministra “por reducir o horario laboral o que implicaría contratar a máis persoal ou a despedir persoal”.


 

HAI ALTERNATIVA Á PROPOSTA DE DÍAZ?

Cando se pregunta por posibles solucións que concilien a idea de Díaz coas necesidades da restauración as posturas non están precisamente próximas. “Persoalmente avogo pola conciliación e pedir sempre aos clientes que non alonguen ceas ou sobremesas, creo en que ao propia clientela debe autorregularse” di Cañete.
 

El mesmo lémbranos que se en Europa o costume é comer entre as 12:00 e as 13:00, iso en España é imposible. “Tería que cambiar todo e España ten as súas peculiaridades e aínda que durante a pandemia cambiáronse horarios ao final volveuse ao horario de sempre”.

 

E se se contrata máis persoal para atender as horas extra? É dicir, cubrir horas con contratos a media xornada, por exemplo, sería unha solución viable? “Contratar a máis persoal incrementa os custos para o empresariado e, en xeral, a hostalería paga moito á Seguridade Social”. Por outra banda, Santos lembra que as competencias en canto apertura de establecementos son autonómicas e locais. “Os nosos horarios crean emprego e son un acordo entre empresario e traballador segundo a lexislación vixente” insiste a presidenta dos hostaleiros e hostaleiras compostelás.
 

En definitiva, a limitación de horarios na hostalería española choca cunha oposición frontal desde os empresarios e empresarias do sector. Todo isto debido, segundo se deduce, ás características e costumes do noso país que tamén fixeron del unha potencia turística segundo  a restauración e o lecer.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE