O EuroCelta visitará o inferno grego do PAOK de Salónica perseguindo o seu soño europeo
Os celestes mediranse ao conxunto heleno, aos que xa gañaron en Balaídos por 3-1.
Vello coñecido para o Celta de Vigo no sorteo da Europa League. Os olívicos atoparanse en dezaseisavos de final ao PAOK grego. O equipo de Salónica era, co Lille, o rival que lle podía caer a un Celta que terminou a liguiña en 16ª posición con 13 puntos, só un punto máis e un posto máis arriba que o PAOK, o seu inmediato perseguidor, ao que xa tivo o gusto de medir, e gañar, no regreso do EuroCelta a Balaídos.
VISITA Á TUMBA
A andaina do Celta por Europa arrincou esta tempada cunha dura derrota en Stuttgart por 2-1 nun momento da tempada especialmente delicado para os de Claudio Giráldez, que encadeaban empate tras empate sen saber o que era gañar e moito menos en casa. De feito, a primeira vitoria ligueira dos vigueses ante o seu público non chegou até o último partido do ano, cando derrotaron ao Athletic Club por 2-0 o 14 de decembro.
Con todo, é xusto dicir que na Europa League Balaídos foi sempre un fortín, e todo arrincou nunha gran xornada de fútbol ante o PAOK. Os gregos adiantáronse no marcador superada a media hora de xogo con gol de Giakoumakis, pero foi unha falsa alarma nun partido que os galegos dominaron de principio a fin, igualado Iago Aspas o choque ao fío do descanso e, tras a continuación, dando a vantaxe Borja Iglesias e selando os tres puntos Swedberg no minuto 70.
A festa foi total en Vigo, que celebrou vitorias ante Niza e Lille, claudicando só ante o Bolonia. Os xogadores e o corpo técnico xa coñecen ao cadro heleno, que ten entre as súas filas a dous vellos coñecidos da liga como os exmallorquinistas Joan Sastre e Baba Abdoul Rahman, así como a algunhas "vellas glorias" como Taison e Deixan Lovren, mesturadas entre promesas como Christos Zafeiris (recentemente chegado desde o Slavia de Praga) ou Giannis Konstantelias, que xa chamou a atención de grandes clubs europeos.
Sen granes estrelas, o verdadeiro valor do PAOK é o seu estadio. Para os de Lucescu -ídolo absoluto en Salónica tras gañar dúas ligas cos blanquinegros-, a Tumba, recinto do PAOK, é un xogador máis pola presión e o ambiente infernal que se vive nas grandes noites de fútbol. O equipo da aguia bicéfala non será o mesmo rival como visitante que como local, un factor co que terá que xogar o Celta, que primeiro viaxará a Grecia para logo resolver o cruzamento en Balaídos, onde a afección terá a difícil tarefa de igualar a atmosfera do inferno grego.
Escribe o teu comentario