O Xetafe mostra as costuras do Celta de Giráldez, que ten dúas semanas para pechar até catro fichaxes

O debut ligueiro deixa en evidencia que aínda queda traballo por facer no Celta, onde podería haber até catro caras novas, unha por liña.


|

Rc celta
Foto: RC Celta

 

O 0-2 encaixado polo Celta no inicio ligueiro resulta pouco alentador de face a unha tempada que promete ser histórica en Vigo. Os goles dun Xetafe que se presentou en Balaídos co posto destaparon as vergoñas do equipo que dirixe Claudio Giráldez e que, a pesar da ilusión que esperta no afeccionado, aínda necesita apontoar varias posicións, pois Liso e, sobre todo, Uche, descubriron os puntos fracos dun equipo que ten por diante dúas semanas para ultimar algunha chegada que supoña o broche de ouro ao persoal. 

 

FICHAXES E REDEBUTS

De todas as fichaxes, só Jutglà e Radu debutaron no once ante os azulones. Sendo xustos, tamén foi o debut de Ilaix Moriba como futbolista do Celta, xa que o curso pasado actuou como cedido e esta tempada xa é propiedade dos celestes. O mesmo ocorre con Borja Iglesias, que saíu de refresco no segundo tempo, como Bryan Zaragoza, que tamén debutou como celtiña, ou O Abdellaoui, chegado en xaneiro pero sen minutos en liga até esta estrea do curso 25/26. 

 

Ningún dos cambios puido declinar a balanza a favor dun Celta inoperante ante o armazón defensivo que armou Bordalás. Fiel ao seu estilo, duro e obrigando aos seus rivais a pelexar no barro, o Geta de Bordalás soubo desesperar a uns locais que apenas puideron inquietar a meta de Soria, mentres que o cérbero romanés do cadro olívico tivo que recoller o balón do arco en dúas ocasións.

 

PORTARÍA

Este capítulo, o da portaría, é un dos que se deberían pechar nestas dúas semanas. Radu non logrou despexar as dúbidas que xa provocou a súa fichaxe nun primeiro momento. Aínda que con pasado en equipos de enxunlla como o Inter ou o Bournemouth, a realidade é que o romanés nunca presumiu de ser o porteiro titular en ningún dos equipos nos que estivo. 

 

Chegou a Vigo libre como unha oportunidade de mercado, pero existe o temor de que en Balaídos boten en falta, máis pronto que tarde, a un xogador como Guaita. A fichaxe dun porteiro contrastado, capaz de competir por un sitio co de Bucarest, antóllase máis que necesario. Isto obrigaría tamén a buscarlle acomodo a un Iván Villar que non pode seguir sendo o eterno segundoxénito. Sergio Rico, Pacheco e Iñaki Peña, os nomes encima do escritorio de Marco Garcés.

 

 

DEFENSA

Os máis sinalados tras o 0-2 foron Javi Rodríguez, Yago Lago e Marcos Alonso. Este último acaparou críticas por estar especialmente lento e brando na arrancada de Uche que supuxo o 0-2. Aínda que o ano pasado mostrou un nivel altísimo, o ex de Barça ou Chelsea cumprirá 35 anos en xaneiro. A súa experiencia é un grao, pero tamén un risco, tendo en conta o seu historial de lesións. 

 

A presumible saída de Aidoo deixará un oco na retagarda que podería cubrir outro defensor. Nun primeiro momento especulouse coa chegada de César Azpilicueta, nunha operación similar á de Marcos Alonso, pero o interese arrefriouse e parece estar máis preto de Osasuna. Na Sede esperan unha opción de última hora para tratar de completar a defensa.

 

 

MEDIOCENTRO

Talvez onde se notou máis a falta de reforzos o domingo foi na sala de máquinas. Beltrán e Moriba botaron en falta a alguén capaz de asumir o papel de organizador. Ao Celta fáltalle aínda a figura dun xogador creativo, capaz de ordenar e dar o pase que rompa as liñas do rival. Especulouse con varios nomes, desde Guido até Arthur pasando por Ciss, pero até agora a dirección deportiva ha mantido absoluto segredo ao redor desta parte do campo. 

 

 

Con todo, nas últimas horas saltou á palestra o sorprendente nome dun vello coñecido: Denis Suárez. Sen sitio no Vilarreal nunha segunda etapa marcada polas lesións, o de Salceda, que saíu pola porta de atrás de Balaídos en xaneiro 2023 despois de que Carlos Mouriño e a súa axencia enfrontásense e mandasen ao canteirán á bancada durante media tempada até a súa marcha ao Espanyol, agora podería ter unha revalida en Vigo.

 

 

Nas últimas horas parece que todo se acelerou para a volta de Denis, que aparcaría para sempre o ruído que provocou o tema da súa renovación coa anterior directiva. Agora, con Marián Mouriño á fronte do club, sería borrón e conta nova. No deportivo, o de Salceda desapareceu do once cando recuperara as sensacións e era un futbolista importante no campo e no vestiario. Podería ser a peza que falta na engrenaxe celtiña e cristalizaría o retorno doutro canteirán con ADN Celta.

 

ATAQUE

A fronte de ataque foi o máis castigado ante o Xetafe. Talvez polo estilo dos madrileños, apenas houbo alternativas para Jutglà ou Borja Iglesias. Aspas, coas súas 38 primaveras, foi o que máis perigo creou, pero xa non se pode fiar a sorte ofensiva do Celta ao 'Principe das bateas' por moito máis tempo. É necesario remocicar a punta de frecha e deben dar un paso á fronte futbolistas novos como O Abdellaoui ou Pablo Durán. 

 

Celta aficiu00f3n
Foto: RC Celta

 

Con todo, tamén nesta liña podemos esperar reforzos. O favorito é, unha vez máis, Iker Losada. O ano pasado celebrou un gol como celeste na súa cesión desde o Betis e disputou unha ducia de partidos. Coñece a casa, a Giráldez e encaixa no que buscan os vigueses, pero os verdibrancos, como xa ocorreu con 'O Panda', venderán caro ao de Catoira. Nesta ocasión non se conformarán cunha cesión sinxela, senón que pedirán garantías ao Celta de que se fará co dianteiro en propiedade. 

 

 

En Vigo ven con bos ollos a súa continuidade, pero hoxe non hai marxe económica para poder garantir a súa contratación. Na Sede saben que o tempo xoga ao seu favor, xa que Pellegrini non conta co 'viquingo' nos seus plans, pero deben dar présa, pois o técnico do Porriño quere contar con todos os efectivos canto antes, porque non pode permitir máis días como o do Xetafe. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE